A Xunta destaca que as axudas autonómicas para apoiar aos centros especiais de emprego poden chegar ata os 23.139 euros

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, visitou hoxe en Santiago Aspas Emprego, onde traballan persoas con discapacidade intelectual realizando labores de xardinería, fruticultura, cultivo baixo abrigo e tarefas de limpeza ou mantemento de vías públicas, entre outras

A orde de axudas, aínda co prazo de solicitude aberto, inclúe novidades tras ter en conta as principais demandas do sector

Invístense 13 millóns de euros para beneficiar a 2.500 traballadores con discapacidade e crear 90 postos de traballo indefinidos

O Goberno galego incentivará por primeira vez cunha maior contía os centros sen ánimo de lucro, así como a creación de emprego feminino, no rural ou entre as familias con todos os seus membros no paro

Santiago de Compostela, 3 de novembro de 2017
  • whatsapp

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, visitou hoxe en Santiago as instalacións do centro especial Aspas Emprego, onde traballan persoas con discapacidade intelectual realizando diversas tarefas, desde labores de xardinería, fruticultura e cultivo baixo abrigo ata actividades de limpeza ou mantemento de vías públicas e urbanizacións, entre outras.

Toca sinalou a importancia dos centros especiais de emprego, xa que os traballadores con discapacidade adquiren neles experiencia para despois poder acadar un posto de traballo nas empresas galegas. Neste senso, nos últimos anos 15 traballadores de Aspas Emprego acadaron un emprego en compañías da Comunidade.

Deste xeito, a secretaria xeral de Emprego puxo en valor os apoios da Administración autonómica aos centros especiais de emprego -107 en toda Galicia- nos que está investindo este ano 13 millóns de euros para beneficiar 2500 traballadores e estimase a creación de 90 postos laborais indefinidos. Esta iniciativa, que forma parte da Axenda 20, e da que aínda está aberto o prazo de solicitude, enmárcase no orzamento global que a Xunta está destinando este ano aos programas específicos para o emprego das persoas con discapacidade, que aumentan un 15% con respecto a 2016, chegando aos 14,6 millóns.

A convocatoria de axudas, segundo explicou Toca, inclúe novidades tras ter en conta as principais demandas do sector. O orzamento programado para esta nova edición 2017-2018 aumenta con respecto a última convocatoria en 3,5 millóns de euros. As axudas, que poden superar os 23.000 euros, distribúense en tres tipos de programas: axudas ás unidades de apoio, que ten por obxecto financiar os custes salariais e da Seguridade Social derivados da contratación indefinida de traballadores para apoiar o labor das persoas con discapacidade; axudas á creación, ampliación, mantemento e adaptación de postos de traballo nos centros especiais de emprego; e apoios ao mantemento do custe salarial nos CEE.

Entre as novidades desta convocatoria resaltan os incentivos cunha maior contía para os centros especiais sen ánimo de lucro. A contía base será nestes casos de 13.222 euros e a porcentaxe de financiamento do investimento poderá chegar ao 100%. Ademais, as axudas serán maiores nos casos nos que se cree emprego feminino, no rural ou entre as familias con todos os seus membros en paro. Nestes casos, os incentivos aumentarán nun 25% e serán acumulables entre si.

Reforzaranse, así mesmo, os apoios aos traballadores con especiais dificultades de inserción sociolaboral, é dicir, aqueles con discapacidades físico-sensoriais superiores ao 65% ou con discapacidades psíquicas-intelectuais de máis do 33%. Neste caso, as contías das axudas á creación de postos estables serán máis elevadas, ao tempo que se incrementarán os apoios ao custo salarial chegando ata o 56% do salario mínimo interprofesional (396,31 euros).

Os tres programas

Para as axudas ás unidades de apoio, o primeiro dos programas, a contía base será de 2.400 euros por cada traballador con contrato indefinido ou temporal igual o superior a 6 meses. No segundo programa, por cada posto creado a xornada completa, a axuda para os centros especiais de emprego sen ánimo de lucro oscilará entre os 13.222 e 23.139 euros e para os que contan con ánimo de lucro entre 12.020 e 21.035 euros. Os apoios ao mantemento serán de 1.803 euros por posto e de 15.000 euros por asistencia técnica. Co terceiro dos programas finánciase parcialmente o custe salarial cunha axuda de 353,85 euros, o que supón o 50% do salario mínimo interprofesional (SMI), aínda que a contía elévase ata o 56% para as persoas con especiais dificultades.

Estas axudas, segundo Toca, compleméntanse cos apoios do Goberno galego para incentivar nas empresas galegas a contratación de persoas con discapacidade. En definitiva, afirmou que “a Xunta traballa polo emprego inclusivo cun reto principal: mellorar as condicións de empregabilidade dos galegos e galegas, dando resposta ás persoas que teñen máis dificultades para atopar un emprego”.

Data de actualización: 03/11/2017