A Xunta expón ao sector TIC os apoios para adaptar os perfís profesionais ás demandas das pemes e facilitar o emprendemento

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, e o director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, participaron hoxe en Santiago nun almorzo de traballo organizado polo Clúster TIC

O obxectivo da iniciativa foi dar a coñecer entre as empresas galegas as iniciativas que facilitan a incorporación ao mercado laboral

Toca puxo en valor o programa Emprega Xuventude que ofrece á mocidade formación e unha oportunidade laboral en sectores estratéxicos

Marnotes salientou as actuacións en formación para o emprego como é a oferta formativa da Xunta no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG)
 

Santiago de Compostela, 6 de novembro de 2017
  • whatsapp

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, e o director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, participaron hoxe en Santiago nun almorzo de traballo organizado polo Clúster TIC co obxectivo de dar a coñecer entre o tecido empresarial as liñas de axudas da Consellería de Economía, Emprego e Industria para facilitar a incorporación ao mercado de traballo, as destinadas a autónomos e emprendedores e aquelas centradas en formación para adaptar os perfís profesionais ás demandas das pequenas e medianas empresas.

Toca puxo en valor a Axenda 20 para o Emprego coa que a Xunta está impulsando en Galicia o traballo estable e de calidade. Sinalou que o Orzamento do departamento autonómico para o próximo ano destina ás políticas activas de emprego 135 millóns para executar actuacións de formación e orientación e medidas encamiñadas a favorecer a incorporación ao mercado de traballo das persoas que máis o precisan como é a mocidade. Neste ámbito, puxo en valor o programa Emprega Xuventude que o Goberno galego ten activo na actualidade, unha experiencia piloto pioneira na Comunidade, xa que combina por primeira vez formación e incentivos á contratación para mellorar a situación profesional da mocidade.

A iniciativa inclúe, segundo explicou a secretaria xeral de Emprego, axudas a través dun bono de 7000 euros. Deste forma, nunha primeira fase, de forma experimental, investiranse 3,5 millóns de euros, financiados a través do Sistema de Garantía Xuvenil, para beneficiar a 500 mozos e mozas que se poderán cualificar e traballar en dous dos sectores estratéxicos galegos: a Industria 4.0 e o agroalimentario. Para mellorar a súa cualificación, outorgarase un bono de 2000 euros aos participantes, que se formarán nas propias empresas, polo que a formación se centrará nas características do posto para o que é contratado o mozo ou moza. É dicir, a Xunta apoiará un plan de formación adaptado ás necesidades e habilitades do propio posto de traballo. Será, polo tanto, unha formación adaptada á demanda real das empresas galegas.

Para incentivar a contratación, haberá un segundo bono de 5000 euros -tamén por participante- para empresas de sectores e liñas de negocio empresarial vinculadas á innovación tecnolóxica industrial ou ao sector agroalimentario. Os contratos deberán ter unha duración mínima de 12 meses. Para recibir o bono formación será indispensable que a compañía teña contratado ao mozo ou moza.


Para facilitar o emprendemento, Toca recordou que coa Estratexia Autónomo 2020, con 40 millóns de euros ao ano, a Xunta está impulsando diversas medidas para favorecer o traballo dos autónomos.

Formación de profesionais TIC

A exposición do director xeral de Orientación e Promoción Laboral, pola súa banda, centrouse nas liñas de apoio dirixidas á formación de calidade, “unha prioridade constante para a Xunta”, segundo matizou, ao explicar que os perfís dos traballadores deben adecuarse ás necesidades reais das empresas.

Neste ámbito, salientou a oferta formativa que ten a Xunta no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG), un referente na formación pública de profesionais TIC a nivel galego e estatal, destacando a necesidade de adecuar os perfís profesionais ás demandas reais do tecido empresarial a través de cursos como os que se imparten no CNTG en consonancia co novo modelo da Industria 4.0.

Segundo explicou Marnotes, a capacitación dos traballadores e traballadoras galegos nas novas tecnoloxías está integrada nas principais estratexias económicas e de innovación de Galicia como son a Axenda 20 para o Emprego, a Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia RIS3 e a Axenda Galicia-Industria 4.0. No CNTG, formáronse ao longo do curso 2016/2017 máis de 2.100 alumnos e alumnas nesta materia a través de 52 cursos e 26 seminarios dirixidos principalmente a persoas ocupadas en empresas TIC.

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral lembrou, ademais, que a oferta formativa do CNTG, que conta cunha inserción laboral media do 60% nas accións dirixidas a desempregados, permite aos alumnos acceder aos exames de certificación oficial con recoñecemento a nivel mundial para acreditar o seu dominio nun determinado produto ou ferramenta tecnolóxica.

En materia de formación para o emprego, Marnotes lembrou algunhas das iniciativas que está poñendo en marcha a Xunta como as Unidades Formativas nas Empresas para adaptar a formación ás necesidades específicas de cada empresa. A través desta iniciativa son as propias compañías as que forman aos traballadores adquirindo un compromiso de contratación do 60% dos participantes para o que contan con incentivos á contratación, axudas que poden alcanzar os 9000 euros no caso dun traballo indefinido. Pola súa banda, a Administración autonómica financia o 100% da formación e incentiva ás empresas que superen esta porcentaxe de contratacións.

O director xeral puxo en valor tamén o investimento que está realizando a Xunta para formar a persoas ocupadas, 22,5 millóns de euros entre 2017 e 2018 para a mellora da cualificación de 12.000 traballadores galegos. Nesta edición, o Goberno galego priorizará os sectores emerxentes e os vinculados coa Industria 4.0.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 06/11/2017