Nava Castro anima aos itinerarios culturais europeos en Galicia a aproveitar o seu potencial turístico con iniciativas conxuntas

Representantes destas rutas reuníronse esta mañá en Santiago de Compostela para intercambiar estratexias e acordaron avanzar en futuras colaboracións

A directora de Turismo pechou a xornada, incluída nos actos de conmemoración do 30 aniversario do Camiño de Santiago en acadar este recoñecemento

A programación continúa estes días co X Congreso Internacional de Estudos Xacobeos Iacobus Patronus e o seminario promovido xunto coa Organización Mundial do Turismo (OMT) e a European Travel Comission (ETC)
 

Santiago de Compostela, 6 de novembro de 2017
  • whatsapp

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, resaltou hoxe as interesantes posibilidades de futuro que os Itinerarios Culturais Europeos teñen para a promoción turística da nosa Comunidade e animou aos representantes en Galicia destas rutas a aproveitar o seu potencial turístico en iniciativas conxuntas que contribúan a fomentar accións innovadoras no eido do turismo cultural.

Así o manifestou durante a clausura do encontro de Itinerarios Culturais Europeos celebrado no Centro Superior de Hostelería de Galicia (CSHG) e que forma parte dos actos que conmemoran os 30 anos da declaración do Camiño de Santiago como o primeiro de todos os itinerarios europeos en conseguir este recoñecemento.

Na súa opinión, estes itinerarios estanse a consolidar como “unha das mellores maneiras de descubrir Galicia a través da nosa cultura e o noso patrimonio” polo que amosou o compromiso da Administración autonómica para continuar contribuíndo a que sexan valoradas, conservadas e tamén compartidas. Puxo en valor a súa contribución para preservar o patrimonio cultural e natural, a identidade e a diversidade, así como o diálogo intercultural e considerounos claves para o desenvolvemento económico a través dun turismo sustentable como o que caracteriza á nosa Comunidade.

Durante a xornada participaron representantes dos camiños de Santiago de Compostela, as rutas dos Vikingos, os Camiños da Viña (Iter Vitis), así como da ruta das Abadías Cistercienses, a Ruta Europea dos Cemiterios, os Camiños da Arte Rupestre Prehistórica, o Itinerario das Vilas Termais Históricas ou a Ruta dos Fenicios.

Promover o seu coñecemento

Todos eles intercambiaron as súas experiencias e analizaron algúns dos retos aos que se enfrontan no eido da xestión e financiamento. Do mesmo xeito, incidiron na necesidade de promover o coñecemento destes itinerarios como rutas culturais de enorme potencial turístico e patrimonial, con actividades conxuntas. Coincidiron, ademais, na importancia de realizar futuros encontros para avanzar en posibles colaboracións, así como para avanzar en aspectos relacionados coa sinalización destes itinerarios ou na formación neste eido.

O programa conmemorativo polo 30 aniversario completarase con actividades como o X Congreso Internacional de Estudos Xacobeos Iacobus Patronus, con especialistas de varios países coordinados polo Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago; e co seminario Transnational Tourism Themes and Routes, promovido por Turismo de Galicia, xunto á Organización Mundial do Turismo (OMT) e á European Travel Comission (ETC).
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 06/11/2017