O obradoiro de emprego 'Mos rehabilita' formará a 20 desempregados durante os vindeiros nove meses

A Xunta destina a este taller, enfocado á rehabilitación de edificios públicos e mellora da eficiencia enerxética e á fabricación mecánica , preto de 280.000 euros

No que atinxe á área territorial de Vigo, o orzamento supera os 4,2 millóns de euros para a posta en marcha de 14 obradoiros que beneficiarán a 250 desempregados

O delegado territorial, Ignacio López-Chaves, desprazouse hoxe ata o Centro de Colocación do municipio para saudar aos alumnos que xa comezaron os cursos
 

Mos (Pontevedra), 7 de novembro de 2017
  • whatsapp

O delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, achegouse hoxe ata o Centro de Colocación de Mos para saudar aos alumnos que participan no obradoiro de emprego “Mos Rehabilita”, posto en marcha pola Consellería de Economía, Emprego e Industria.

O Goberno galego destina a este taller, no que se formarán 20 desempregados nas especialidades de rehabilitación de fachadas e edificios de carácter público e mellora da eficiencia enerxética e fabricación mecánica (sistema de illamento térmico), preto de 280.000 euros. Os obradoiros de emprego, a través dos que os participantes reciben formación e un contrato de traballo, ademais dun certificado de profesionalidade con validez en todo o Estado, presentan varias novidades, entre as que destacan a ampliación da duración dos programas xerais de 6 a 9 meses.

No acto, López-Chaves estivo acompañado pola alcaldesa da localidade, Nidia Arévalo, o concelleiro de Economía e Emprego de Mos, Oscar Soto, o xefe territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria, Ignacio Rial e o director do obradoiro, Adolfo Martínez.

Trátase dunha actuación que o Goberno galego leva a cabo en colaboración cos concellos e que, polo tanto, fomenta a cooperación institucional. No que atinxe á área territorial de Vigo, desenvolveranse 8 obradoiros xerais e 6 específicos para menores de 30 anos a través do Sistema de Garantía Xuvenil para seguir impulsando o emprego entre a mocidade, un colectivo prioritario para a Administración autonómica. Á posta en marcha destes 14 talleres, dos que se beneficiarán 250 desempregados, a Administración autonómica dedica máis de 4,2 millóns de euros.

Os obradoiros forman parte da Axenda 20 para o Emprego, a planificación do Goberno galego en materia laboral para impulsar o emprego estable e de calidade e coa que se pretende en 2020 reducir a taxa de paro ata o 10% coa creación de polo menos 80.000 novos empregos e a creación ou conversión de 50.000 contratos en indefinidos.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 07/11/2017