Galicia acollerá a vindeira semana un seminario con expertos das principais institucións internacionais en materia turística

Nava Castro presentou hoxe as xornadas organizadas conxuntamente por Turismo de Galicia, a Organización Mundial do Turismo e a European Travel Commission

O congreso, centrado nas rutas transnacionais e no turismo temático, contará coa presenza de representantes de institucións como a Unesco e de itinerarios como a Ruta da Seda, EuroVelo ou a Federación Europea de Cidades Napoleónicas

“Estamos a promover desde Galicia debates sobre as tendencias turísticas actuais e as estratexias conxuntas máis innovadoras”, subliñou a directora de Turismo

Este seminario forma parte do amplo programa conmemorativo polo 30 aniversario da declaración do Camiño de Santiago como Primeiro Itinerario Cultural Europeo

Santiago de Compostela, 8 de novembro de 2017
  • whatsapp

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, acompañada do xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez, presentaron esta mañá o Seminario Internacional de Turismo Temático e Rutas Transnacionais, organizado xunto á Organización Mundial do Turismo (OMT) e á European Travel Commission (ETC). A cita terá lugar a vindeira semana en Santiago de Compostela e reunirá especialistas das principais entidades sobre turismo temático e rutas transnacionais como o Camiño de Santiago.

No marco do Ano Internacional do Turismo Sustentable e para o Desenvolvemento, que se celebra este 2017 por iniciativa das Nacións Unidas, e como antesala do Ano Europeo do Patrimonio Cultural programado para 2018, este seminario impulsa desde Galicia reflexións sobre, en palabras da propia ONU, “a poderosa forza transformadora que ten o turismo”.

“Promovemos debates sobre tendencias turísticas actuais e as estratexias conxuntas máis innovadoras que as administracións podemos realizar”, sinalou Nava Castro, quen explicou que se afondará en cuestións como o desenvolvemento, a xestión e a promoción do turismo ao redor de temas como a cultura, a historia e o patrimonio, a natureza, o deporte, a relixión, a gastronomía ou a saúde, no marco das rutas transnacionais. “Son eidos nos que Galicia destaca e que queremos seguir potenciando con iniciativas como esta”, afirmou a directora.

O Camiño de Santiago como bo exemplo


O seminario será inaugurado polo director executivo de Cooperación Técnica e Servizos da OMT, Zhu Shanzhong, e o presidente da European Travel Commission, Peter de Wilde. Tras eles, o programa combinará relatorios, paneis de expertos e intercambios de boas prácticas e fórmulas de éxito, entre as que estará presente Galicia a través do Camiño de Santiago.

Entre os especialistas de varios continentes que debaterán sobre retos, oportunidades ou perspectivas turísticas estarán representantes da Ruta da Seda, da Asociación Europea do Turismo, do Centro de Competencia do Danubio, da rede Ibertur ou da Federación Europea de Cidades Napoleónicas. Tamén membros da Unesco, a Comisión Europea, o Parlamento Europeo e do Instituto Europeo de Rutas Culturais. Ou a rede europea de rutas de ciclismo EuroVelo, a Ruta Costeira do Atlántico e rutas de Centroamérica e de Sudamérica

Este seminario enmárcase no programa conmemorativo do 30 aniversario da declaración do Camiño de Santiago como Primeiro Itinerario Cultural Europeo, que a Xunta de Galicia está a conmemorar desde o pasado mes de outubro con numerosas e variadas iniciativas.

Nunha delas, esta mesma semana reuníronse no Centro Superior de Hostelería de Galicia (CHSG) representantes dos Itinerarios Culturais Europeos en Galicia, aos que Nava Castro animou a traballar conxuntamente para saber aproveitar o seu potencial, fomentar accións innovadoras no eido do turismo cultural e estimular o coñecemento do seu patrimonio.

Na xornada participaron o Camiño de Santiago, as rutas dos Viquingos, os Camiños da Viña, a Ruta das Abadías Cistercienses, a Ruta Europea dos Cemiterios, os Camiños da Arte Rupestre Prehistórica, o Itinerario das Vilas Termais Históricas ou a Ruta dos Fenicios.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 08/11/2017