A conselleira do Mar respondeu no Parlamento a distintas preguntas relacionadas co marisqueo e a conserva
A Xunta convocou este ano 265 novos permisos de explotación no eido do marisqueo a pé

Esta cifra supón máis dun 50% das prazas que se necesitarían cubrir nos próximos cinco anos para garantir o relevo xeracional

En relación ás exportacións da industria conserveira galega, Rosa Quintana destacou a súa evolución, de feito as cifras do primeiro semestre deste ano son as mellores da última década

En canto á planta de Calvo en Esteiro, a conselleira explicou que a Xunta estará ao carón de calquera iniciativa viable que implique unha saída empresarial para a planta, veña da man dunha nova empresa ou dos traballadores
 

Santiago, 8 de novembro de 2017
  • whatsapp

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, destacou esta tarde no Parlamento que neste 2017 a Xunta convocou 265 novos permisos de explotación no eido do marisqueo a pé. Unha cifra que supón máis dun 50% das prazas que se necesitarían cubrir nos próximos cinco anos para garantir o relevo xeracional e que reflicte “que imos polo bo camiño”, subliñou a titular de Mar en resposta a unha pregunta sobre este tema.

Dos permisos convocados no eido do marisqueo a pé, a conselleira especificou que 48 son de recursos específicos, en concreto 30 de percebe, tres para ourizo e 15 para poliquetos. Neste sentido, fixo fincapé “na importancia de substituír e aumentar o número de persoas que se van xubilando, dando relevo xeracional a este sector e recuperando esta actividade como fonte de emprego nas zonas costeiras”.

De feito, explicou que o incremento do número de persoas que se dedican ao marisqueo a pé é unha das liñas fundamentais nas que leva traballando a Consellería do Mar nestes últimos anos nos eidos ambiental, social e económico. Tamén destacou a suba dos ingresos no marisqueo a pé e sinalou que a media de ingresos do ano 2016 é a máis alta da serie histórica (desde o ano 2004). En canto ao marisqueo a flote, destacou que este ano se dispuxeron 61 novas habilitacións para tripulantes, incrementando tamén neste eido o número de persoas empregadas.

Exportacións de conserva

En relación a outra pregunta sobre as exportacións do sector da conserva de produtos do mar, Rosa Quintana destacou a súa evolución positiva ano a ano. De feito, sinalou que as cifras de exportación do primeiro semestre deste ano son as mellores da última década, con máis de 103.000 toneladas de produtos exportados e un valor económico de 478 millóns de euros. Uns datos positivos que se suman aos de todo o 2016, no que as exportacións medraron case un 6% e acadaron as 178.559 toneladas.

Co obxectivo de seguir mellorando, a titular de Mar sinalou que “a Xunta estivo e estará sempre ao lado do sector conserveiro e da súa viabilidade con planificación e con apoio orzamentario”. No eido da planificación destacou o novo Plan Estratéxico da Conserva, que ten o horizonte fixado en 2020, unha ferramenta “que nos debe levar a gañar competitividade mediante a formulación de accións para o fornecemento de materias primas, o reforzo da actividade exportadora e unha mellora na calidade do emprego xerado”.

En relación ao apoio orzamentario, expuxo que a Xunta “reedita o compromiso coa transformación cos case 100 millóns de euros postos a disposición deste eido produtivo para o período 2016-2020”. Esta cantidade súmase aos máis de 260 millóns de euros postos a disposición da industria transformadora desde o 2009.

Conserveira Calvo

A conselleira tamén respondeu a unha pregunta sobre a planta da conserveira Calvo en Esteiro e explicou que desde que a finais de setembro se coñecese a decisión da empresa de poñer fin á actividade nesta planta o 1 de xaneiro de 2018, a Xunta vén analizando todas as circunstancias deste feito coa empresa e cos representantes sindicais. Ademais puxo de relevo que a Xunta estará ao carón de calquera iniciativa viable que implique unha saída empresarial para a planta, veña da man dunha nova empresa ou da propia acción dos traballadores. Farao, explicou, de darse o caso, ofrecendo apoio a esa iniciativa se fose preciso, a través dos servizos e dos programas de axuda e financiamento existentes.

Neste sentido, recordou a decisión maioritaria das arredor de 100 persoas que traballan en Esteiro e que o pasado 3 de novembro se manifestaron a favor de negociar o traslado, o que hai que ter en conta, máxime cando se deben barallar as condicións ofertadas pola empresa e as demandas dos propios traballadores e traballadoras. Así expuxo que se debe considerar, especialmente, entre outros aspectos, o compromiso de recolocación de todos os empregados na planta de Carballo.

En canto a esta situación, lembrou que xorde dunha decisión empresarial, que cómpre xestionar desde o respecto e a legalidade, e que a empresa non conta neste momento con axudas vinculadas á permanencia desta actividade. Ademais expuxo que a actividade ficará en Carballo, onde a firma empresarial prevé investir máis de 25 millóns de euros na mellora e actualización da planta.

 

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Mar
Data de actualización: 08/11/2017