Desempregados dos concellos ourensáns de Celanova, Bande e Verea participan nun obradoiro de emprego que ofrece formación en novas tecnoloxías 4.0

A delegada territorial da Xunta, Marisol Díaz, visitou aos 20 alumnos deste programa mixto de formación e emprego que conta cun investimento da Consellería de Economía, Emprego e Industria de 280.000 euros

As principais actuacións previstas teñen que ver co desenvolvemento de apps e páxinas web de información municipal, elaboración de bases de datos e creación de audiovisuais para a promoción da riqueza patrimonial

No que atinxe á provincia de Ourense, o orzamento do Goberno galego supera os 4,6 millóns de euros para a posta en marcha de 19 obradoiros de emprego que beneficiarán a 355 desempregados
 

Bande (Ourense), 9 de novembro de 2016
  • whatsapp

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, inaugurou o obradoiro de emprego ‘Novicrea 4.0 Novos viveiros de emprego’ que comparten os concellos ourensáns de Celanova, Bande e Verea e que conta con 20 alumnos. Deste programa mixto de formación e emprego tamén se benefician outras 5 persoas destes concellos que forman parte do persoal directivo, docente e de apoio administrativo. O alumnado durante nove meses compaxina unha formación teórico-práctica en técnicas de novas tecnoloxías 4.0 co desenvolvemento dun traballo remunerado, grazas a un investimento da Consellería de Economía, Emprego e Industria de 280.000 euros.

Na visita, Díaz Mouteira estivo acompañada de alcaldes e respresentantes dos tres concellos beneficiados por esta iniciativa de emprego.

Marisol Díaz afirmou que “apostar pola formación e a aprendizaxe nun sector tan de auxe nestes tempos como é o tecnolóxico é apostar pola creación de empregos estables e de calidade” e neste senso subliñou a importancia dos obradoiros para incrementar a empregabilidade do alumnado e lograr a súa reinserción laboral. Así referiuse á Axenda de competitividade ‘Galicia-Industria 4.0’ que apunta á necesidade de que o sistema formativo se oriente ás necesidades da industria que cada día aposta máis pola innovación e a dixitalización.

Este obradoiro conta con catro especialidades: desenvolvemento de aplicacións con tecnoloxías web, xestión de marketing e comunicación, administración de bases de datos e desenvolvemento de produtos audiovisuais multimedia interactivos. Así, ata o vindeiro mes de agosto, os seus alumnos levarán a cabo traballos relacionados co deseño e realización de apps e páxinas web de información municipal, elaboración de bases de datos para mellorar estratexias destinadas a unha maior efectividade nos recursos públicos existentes nos concellos, e creación de audiovisuais para a promoción da riqueza patrimonial existente na zona.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria destina máis de 4,6 millóns de euros a desenvolver na provincia de Ourense 19 programas mixtos de formación e emprego, 14 xerais e 5 específicos para menores de 30 anos a través do Sistema de Garantía Xuvenil, que beneficiarán a 355 desempregados dun total de 67 concellos.

Os obradoiros céntranse na realización de obras ou prestación de servizos de interese xeral e social que posibiliten un traballo que, xunto coa formación profesional para o emprego, procure a súa cualificación profesional e favoreza a súa posterior inserción laboral. Forman parte da Axenda 20 para o Emprego, a planificación do Goberno galego en materia laboral para impulsar o emprego estable e de calidade, coa que se pretende en 2020 reducir a taxa de paro ata o 10% coa creación de polo menos 80.000 novos empregos e a creación ou conversión de 50.000 contratos en indefinidos.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 09/11/2017