A Xunta aproba o Plan de excelencia do Sistema Universitario que impulsará graos en inglés, bolsas para recoñecer aos mellores alumnos e fomentará a transferencia de coñecemento á sociedade

Trátase dunha folla de ruta aberta a achegas que poidan mellorala, e co obxectivo de que as universidades galegas poidan dar un novo salto de calidade

Con esta iniciativa refórzase un dos piares esenciais da Universidade do futuro: a súa calidade
 

Santiago de Compostela, 9 de novembro de 2017
  • whatsapp

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe a aprobación do Plan de Excelencia do Sistema Universitario de Galicia que impulsará graos en inglés, bolsas para recoñecer aos mellores alumnos e fomentará a transferencia de coñecemento á sociedade. ”Unha folla de ruta para o trienio 2018-2020, aberto a achegas que poidan melloralo, e co obxectivo de que as universidades galegas poidan dar un novo salto de calidade”, explicou.

Durante a rolda de prensa do Consello, Feijóo subliñou que as dez medidas que recolle este plan englóbanse en dous grupos: o primeiro composto por tres accións vinculadas á mellora dos indicadores; e, o segundo con sete accións que se desenvolverán mediante convenios e convocatorias.

O titular da Xunta explicou que as tres accións do primeiro grupo vincularán a cada un dos indicadores unha contía no exercicio 2018, que se repartirá en función das propostas das tres universidades. Así, no eido da colaboración en graos interuniversitarios, o primeiro en impartirse xa no vindeiro curso será o grao en Paisaxe, en colaboración entre as universidades da Coruña e de Santiago.

En relación á creación de graos impartidos en inglés, Feijóo aseverou que lonxe de crearse novos títulos, o obxectivo é crear un novo grupo -cun mínimo de 20 alumnos- dentro dunha carreira xa existente, onde os alumnos recibirán un mínimo do 80% dos créditos obrigatorios en lingua inglesa.

O grupo deberá seguir existindo durante alomenos os catro anos que dure o grao. E, inicialmente, a previsión é que poida haber tres graos en inglés xa no próximo curso, un por universidade.

A terceira acción do primeiro grupo será a mellora nalgún criterio dos principais ránking internacionais: o de Shanghai, Times Higher Education ou o ránking QS. A proposta faraa a propia universidade e incluirá o contido e a descrición da acción, coa previsión inicial de financiar tres propostas no curso 2018/19, unha por universidade.

O segundo grupo, incluirá medidas que se desenvolverán mediante convenios e convocatorias. Unha das principais será a Bolsa Concepción Arenal á excelencia académica, un galardón que recoñecerá aos estudantes de 1º, 2º e 3º de grao que, ademais de aprobar todas as materias, conten cunha media igual ou superior ao 8,5 ou ao 7,5 no caso das enxeñarías e arquitectura. Isto é, unha nota equivalente á que se pide para os Premios Fin de Carreira.

“Estamos a falar dunha acción pioneira en España que beneficiará aos tres mellores expedientes dos tres primeiros cursos de cada grao. En total, máis de 1.000 posibles beneficiarios”, resaltou Feijóo, ao que engadiu que as primeiras Bolsas Concepción Arenal estarán dotadas con 500 euros por alumno e comezarán a outorgarse o vindeiro curso.

Outra das principais accións que se integran no segundo grupo é a creación dun novo complemento retributivo autonómico para estimular que o profesorado universitario realice actividades de transferencia do coñecemento á sociedade. O complemento, que entrará en vigor en 2019, repartirase en función dos puntos que se obteñan nunha escala, cun máximo de 10 puntos e cada punto suporá arredor de 250 euros.

A sexta acción será a distinción dos másters oficiais de excelencia, que recibirán aqueles cunha elevada calidade docente e/ou investigadora, gran internacionalización, demanda laboral e profesorado destacado.

Galicia será a primeira comunidade en implantar esta distinción, que se levará a cabo mediante convocatorias anuais a partir de 2019. E a mención como máster oficial de excelencia terá validez durante cinco anos.

Dentro do obxectivo de fomentar a internacionalización, desenvolveranse tamén misións conxuntas en Iberoamérica para captar alumnado de grao ou máster, unha das medidas recollidas no acordo que se asinou coa Secretaría Xeral Iberoamericana este mesmo ano.

No eido científico, e a maiores do fomento da transferencia de coñecementos, poñerase en marcha un programa formativo específico para os responsables dos centros singulares de investigación, que mellorarán as súas capacidades sobre sistemas de gobernanza, maiores graos de autonomía, sistemas de rendición de contas e unha xestión máis eficiente das estruturas.

Este programa desenvolverase mediante un convenio coa Fundación Empresa-Universidade Galega (Feuga).

A novena acción implica a elaboración dun mapa de empregabilidade que ofreza información útil aos alumnos e as súas familias sobre as titulacións que se ofertan en Galicia. Así, entre a información que recibirán estará o tempo medio en rematar a carreira, en atopar o primeiro emprego ou o tipo de cotización á Seguridade Social.

Por último, Feijóo referiuse á medida número dez, baseada na definición dos perfís profesionais que requirirá a economía galega durante os vindeiros anos. En función desta previsión, deseñaranse novos graos e másters que aseguren que existe a formación necesaria para cubrir estes perfís.

Para elaborar esta análise, contarase coa colaboración da Feuga e de expertos tanto do eido empresarial como do académico, ademais de centros tecnolóxicos. E a proposta de títulos que saia desta análise se lles ofertará ás universidades, para que se inclúan no mapa de titulacións da vindeira lexislatura.

“En definitiva, o Plan de excelencia do Sistema Universitario de Galicia inclúe 10 medidas concretas, algunhas delas pioneiras en España, cun prazo de introdución áxil e realista”, dixo, insistindo en que con esta iniciativa refórzase un dos piares esenciais da Universidade do futuro: a súa calidade.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 09/11/2017