Feijóo salienta que a primeira Lei de rehabilitación de Galicia facilitará a recuperación de 100.000 vivendas, apostando pola protección do patrimonio e a dinamización da actividade económica

Di que o novo documento aposta pola planificación e a coordinación entre administracións, a eliminación de trabas burocráticas e a dotación de recursos económicos

Destaca que a prioridade será a recuperación dos núcleos rurais e dos centros históricos, especialmente os catalogados como Ben de Interese Cultural coa creación da figura da Área Rexurbe

Sinala que se iniciará de xeito inmediato unha primeira fase de exposición pública, para que a sociedade poida valorar e completar as bases desta lei

Así mesmo, a conselleira de Infraestruturas e Vivenda, explica que se prevé a creación dun canon para gravar os edificios situados en área Rexurbe nos que se incumpre a obriga de rehabilitar

Santiago de Compostela, 9 de novembro de 2017
  • whatsapp

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe na rolda de prensa do Consello o inicio da tramitación da primeira Lei de rehabilitación e de renovación e rexeneración urbana de Galicia, que facilitará a recuperación de 100.000 vivendas en núcleos rurais e centros históricos, apostando pola protección do patrimonio e a dinamización da actividade económica e social, así como a posta en valor a contorna.

“Estamos a falar dunha lei cuxo obxectivo básico é facilitar a recuperación do patrimonio que xa está construído, evitar o seu abandono e favorecer que as zonas rehabilitadas se convertan en lugares económicos e sociais dinámicos” aseverou, incidindo en que a conservación axeitada dos centros históricos e núcleos rurais é un foco de calidade de vida, de atractivo turístico e de cohesión social.

Ao longo da súa intervención, Feijóo precisou que o novo documento aposta pola planificación e a coordinación entre administracións; a eliminación de trabas burocráticas e a dotación de recursos económicos, sobre todo financeiros, como bases para facilitar a rehabilitación.

Baixo esas premisas desenvolveranse novas medidas que permitirán fixar dúas grandes metas: facilitar a rehabilitación de 100.000 vivendas grazas ás normas de aplicación directa; e reducir nun 40% os prazos para as modificacións non substanciais do planeamento que permitan a recuperación dun determinado ámbito.

Feijóo aseverou que a prioridade será a recuperación dos núcleos rurais e dos centros históricos, especialmente os catalogados como Ben de Interese Cultural. E, para a recuperación destes últimos crearase a figura da Área Rexurbe, unha área de rexeneración de interese autonómico na que, ademais de reforzar as axudas públicas, a propia Administración autonómica realizará actuacións de rehabilitación, como as que xa está a facer en Betanzos, en Ferrol Vello, Ourense, Lugo ou Mondoñedo.

“A nova lei permitiranos avanzar nestas Áreas Rexurbe, abrindo a posibilidade de expropiar os edificios en ruínas ou nos que se incumpran flagrantemente as normas de conservación; e, noutros casos, este incumprimento gravarase mediante un canon que se destinará a investir na propia área”, explicou, ao que engadiu que tamén se potenciarán as medidas de coordinación e simplificación administrativa para a obtención de licencias e a aprobación de plans de dinamización que propicien unha recuperación completa da zona.

Co fin de acadar o máximo consenso posible, o responsable do Goberno galego destacou o inicio de xeito inmediato dunha primeira fase de exposición pública, para que a sociedade poida valorar e completar as bases desta lei, antes de seguir traballando no seu desenvolvemento, co obxectivo de que poida entrar no Parlamento no primeiro semestre de 2018.

Pola súa banda, a conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Éthel Vázquez, destacou que o Goberno galego empregará as áreas Rexurbe como principal ferramenta de acción autonómica para planificar a recuperación integral dun ámbito. Estas zonas contarán cun centro Rexurbe, que funcionará como xanela única de todos os servizos administrativos e técnicos necesarios para dar resposta máis rápida ás tramitacións de licenzas e axudas.

Concretou que dentro das áreas Rexurbe, defínense as zonas de especial necesidade de rehabilitación (ZER), nos ámbitos nos que sexa preciso realizar unha intervención urxente ou facilitar a instalación de equipamentos de especial relevancia nun edificio ou conxunto deles. Precisou que será declarada polo Consello da Xunta e levará implícita a posibilidade de expropiación forzosa, minorando o prezo nun 50% cando os propietarios incumpran as obrigas de rehabilitar. Esa posibilidade terá en conta as circunstancias económicas persoais.

Así mesmo, explicou que se prevé a creación dun canon para gravar os edificios situados en área Rexurbe nos que se incumpre a obriga de rehabilitar, un tributo que definiu como “disuasorio” e excepcional, cuxa recadación irá destinada á avanzar na recuperación do ámbito.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 09/11/2017