A Xunta sinala que os hábitos saudables no traballo contribúen a xerar emprego de calidade e á mellora da competitividade

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, participou hoxe en Santiago na xornada ‘Novos retos na xestión dos riscos psicosociais e o estrés laboral’

Toca destaca que a Xunta, en coordinación cos axentes sociais, está executando a Estratexia Galega de Seguridade e Saúde Laboral 2017/2020, que inclúe 163 medidas para reducir a sinistralidade e mellorar a saúde no traballo
 

Santiago de Compostela, 10 de novembro de 2017
  • whatsapp

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, participou hoxe en Santiago na apertura nunha xornada técnica sobre os novos retos na xestión dos riscos psicosociais e o estrés laboral organizada pola Facultade de Relacións Laborais, en colaboración coa Xunta, Mutua Universal e a Sociedade Galega de Prevención de Riscos Laborais, co obxectivo, entre outros, de sensibilizar sobre a importancia da promoción da saúde laboral e afondar nas consecuencias psicolóxicas da exposición aos riscos psicosociais e ao estrés laboral.

Toca destacou a importancia de promover hábitos saudables nos centros de traballo, xa que explicou que se contribúe con esta medida a xerar emprego de calidade e á mellora da competitividade. Para mellorar a saúde laboral e reducir a sinistralidade, explicou que a Xunta, en colaboración cos axentes sociais, e, a través do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), está executando a Estratexia Galega de Seguridade e Saúde Laboral 2017/2020, unha planificación consensuada cos interlocutores sociais, que inclúe 163 medidas.

Entre os obxectivos destacan a mellora da eficiencia das institucións públicas dedicadas á prevención de riscos; promover a implicación dos interlocutores sociais e dos actores vinculados á seguridade e saúde no traballo; mellorar e facilitar o cumprimento efectivo da normativa sobre prevención, así como a súa vixilancia e control; potenciar as actuacións das administracións en materia de análise, investigación, información, promoción, apoio e asesoramento técnico; fomentar a mellora das condicións da seguridade laboral con especial atención a sectores, empresas e colectivos que presentan maior risco; e impulsar unha formación de calidade en materia de prevención de riscos e a consolidación dunha cultura preventiva na sociedade galega.

Na xornada celebrada en Santiago, dirixida a empresarios, directivos, autónomos e profesionais en xeral, así como a estudantes, investigadores, asesores laborais e servizos de prevención e saúde laboral, presentáronse as principais ferramentas metodolóxicas que se poden utilizar hoxe en día para medir os riscos psicosociais, ao tempo que se compartiron experiencias e boas prácticas sobre promoción da saúde laboral desde o punto de vista psicosocial.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 10/11/2017