O titular do Goberno galego presidiu este mediodía o acto de clausura da II Asemblea Xeral da Asociación de Municipios do Camiño de Santiago
Feijóo avoga por renovar o espírito do europeísmo que desenvolveu o maior espazo de paz, liberdade e benestar

Lembra que as voces que se alzan contra a idea europea non a cuestionan por ser unha idea equivocada ou fracasada, senón porque obstaculiza proxectos máis interesados na recuperación de fronteiras e no levantamento de muros

Insiste en que engadir o apelido europeo ao aragonés, navarro, rioxano, castelán-leonés ou galego, “fainos máis grandes e máis fortes”

Resalta que grazas ao Camiño, Europa non é só un lugar, senón tamén un sentimento. “Non só se vive en Europa, senón que se vive Europa”, di

Agradece a todos os membros da asociación o esforzo por manter vivo este espírito e por contribuír desde as institucións máis próximas ao pobo, á hospitalidade, á solidariedade e á cooperación

Santiago de Compostela, 10 de novembro de 2017
  • whatsapp

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avogou hoxe por renovar o espírito do europeísmo que “desenvolveu o maior espazo de paz, liberdade e benestar”, dixo, ao tempo que lembrou que as voces que se alzan contra a idea europea non a cuestionan por ser unha idea equivocada ou fracasada, senón porque obstaculiza proxectos máis interesados na recuperación de fronteiras e no levantamento de muros.

Durante o acto de clausura da II Asemblea Xeral da Asociación de Municipios do Camiño de Santiago, Feijóo subliñou que ningún europeo, polo feito de pertencer á UE, se ve obrigado a esquecer as súas raíces, “porque o europeísmo non borra a identidade de ningún pobo, nin a súa lingua nin a súa cultura”.

“Aragón, Navarra, A Rioxa, Castela e León ou Galicia teñen en Europa un baluarte para protexer e proxectar a súa idiosincrasia. Todas as nosas comunidades e municipios beneficiáronse da cooperación e solidariedade europeas”, aseverou, insistindo en que engadir o apelido europeo ao aragonés, navarro, rioxano, castelán-leonés ou galego, “fainos máis grandes e máis fortes”.

Feijóo concluíu aseverando que grazas ao Camiño, Europa non é só un lugar, senón tamén un sentimento. “Non só se vive en Europa, senón que se vive Europa”, aseverou, incidindo en que ese auténtico milagre se logra grazas á hospitalidade que os pobos do Camiño dispensaron desde fai séculos a camiñantes procedentes das orixes máis dispares, que paso a paso foron forxando a identidade europea.

Feijóo agradeceu a todos os membros da asociación o esforzo por manter vivo este espírito e por contribuír desde as institucións máis próximas ao pobo, á hospitalidade, á solidariedade e á cooperación.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 10/11/2017