A Xunta de Galicia abre o prazo ás familias interesadas en acollerse ao programa do Bono Coidado

Trátase dun recurso de atención á infancia a domicilio para responder a situacións de enfermidade do/a menor e imposibilidade de ser coidado/a polos membros da unidade familiar, entre outros supostos puntuais

Esta nova convocatoria presenta importantes novidades con respecto á do ano pasado, a principal é que se amplía ás familias con nenos e nenas de ata 12 anos

A iniciativa conta cun orzamento de 3 millóns de euros e permitirá que máis de 3000 familias se beneficien deste recurso incluído no Programa de apoio á natalidade (PAN Galicia)
 

Santiago de Compostela, 11 de novembro de 2017
  • whatsapp

A Xunta de Galicia ten aberto desde hoxe o prazo para que as familias se podan acoller á segunda convocatoria do programa Bono Coidado e cuxos requisitos se poden consultar no Diario Oficial de Galicia (DOG) de onte. Trátase dunha axuda económica directa para colaborar no pago do importe de servizos de atención á infancia a domicilio por enfermidade do/a menor e imposibilidade de ser coidado polos membros da unidade familiar, ben sexa por enfermidade do coidador/a habitual ou por situacións puntuais de carácter laboral, entre outras posibles circunstancias ocasionais.

Esta nova convocatoria do Bono Coidado presenta importantes melloras con respecto a do ano pasado, sendo a principal a extensión desta axuda económica ás familias con nenos e nenas menores de 12 anos. Ademais, outra novidade é que se amplían as familias que poden optar a esa axuda ao incluír aquelas en situación de garda preadoptiva de menores de 12 anos xunto aos pais/nais, titores/as ou as persoas en situación de acollemento familiar prevista na convocatoria anterior. Así mesmo, e co fin de recoñecer a maior probabilidade que teñen as familias con máis dun fillo ou filla de necesitar este recurso, se incrementa o número total de horas concedidas un 15% por cada fillo/a menor de 12 anos a partir do primeiro. E, finalmente, e coa finalidade de simplificar o acceso a esta axuda, a nova orde contempla o pago en efectivo do servizo, de maneira que tan só é preciso acreditar mediante un recibín do provedor que este se teña realizado.

O Bono Coidado concederase en réxime de concorrencia non competitiva cun máximo de 80 horas por familia para a totalidade do período subvencionado (un máximo de 20 horas na anualidade 2017 e de 60 horas na anualidade 2018). Cantidade que se incrementará no caso daquelas familias que teñan dous ou máis fillos nestas idades. Deste xeito e no caso de querer optar a esta axuda, as persoas interesadas deberán de acreditar que residen na Comunidade Autónoma de Galicia, ter unha nena ou neno nado/a con posterioridade ao 31 de decembro de 2005 respecto da anualidade 2017 e con posterioridade ao 31 de decembro de 2006 respecto da anualidade 2018. Así mesmo, a renda da unidade familiar non pode superar os 45.000 euros ou os 13.500 euros per cápita. En canto ao período subvencionable, irá do 1 de outubro de 2017 ata o 30 de setembro de 2018.

Para facer efectivo o pago desta axuda, e logo de notificada a resolución da concesión, as persoas beneficiarias deberán achegar á xefatura territorial correspondente a solicitude de pagamento, as facturas orixinais onde conste o día e hora/s en que se prestou o servizos xuntos cos xustificantes bancarios que acrediten o seu pagamento ou o recibín do provedor e a xustificación documental da situación puntual que dá dereito á percepción da axuda.

A contía da axuda estará determinada polos seguintes tramos: renda per cápita familiar ata 3.750 euros obterán unha axuda de 14€/hora; renda per cápita familiar superior a 3.750 euros e ata 7.500 euros, 11€/hora; renda per cápita familiar superior a 7.500 euros e ata 10.000 euros, 9€/hora; e reda per cápita familiar superior a 10.000 euros e ata 13.500 euros ou superior sempre que a renda da unidade familiar non supere os 45.000 euros, 7€/hora.

Esta é a segunda vez que se pon en marcha unha actuación destas características na nosa Comunidade Autónoma co propósito de mellorar as posibilidades de compaxinar as responsabilidades laborais coas persoais e familiares e crear contornas favorables para o libre desenvolvemento das familias. Conta cun orzamento de 3 millóns de euros, correspondendo 750.000 euros ao 2017 e 2.250.000 euros ao 2018.

O programa Bono coidado constitúe un recurso máis da área de conciliación do Programa de apoio á natalidade PAN (PAN-Concilia), como son a Rede de Escolas Infantís dependente da Administración autonómica e as preto de 2.700 prazas financiadas en escolas infantís de iniciativa social. Tamén doutras iniciativas postas en marcha no marco do PAN como o programa do Bono Concilia, a apertura de escolas infantís en polígonos industriais ou a creación de Casas Niño no rural.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 11/11/2017