A Xunta presenta a campaña do Día Internacional contra a Violencia de Xénero baixo o lema “O máis grande de Galicia non se maltrata”

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, explicou hoxe en rolda de prensa os detalles desta campaña, que busca implicar a toda a sociedade nesta loita

Por vez primeira, a Administración autonómica facilitará carteis personalizados aos 313 concellos de Galicia

Repartiranse un total de 35.000 carteis por toda a comunidade, que se complementarán con accións en prensa, radio, televisión e redes sociais

0 26 de novembro terá lugar a quinta edición da andaina “Camiño ao respecto”, que percorrerá o treito que une o Monte do Gozo coa praza do Obradoiro
 

Santiago de Compostela, 11 de novembro de 2017
  • whatsapp

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, presentou hoxe en rolda de prensa a campaña institucional para o Día internacional para a eliminación da violencia de xénero, que se celebra o próximo 25 de novembro. Este ano, por vez primeira, a Administración autonómica facilitará aos 313 concellos de Galicia carteis personalizados que poderán descargar a través da web www.xunta25denovembro.com.

Nesta edición, o lema da campaña será “O máis grande de Galicia non se maltrata”, seguindo na mesma liña da campaña que se puxo en marcha o pasado 8 de marzo, con motivo do Día internacional da muller.

Distribuiranse 35.000 carteis por todas as vilas e cidades de Galicia, tanto en locais comerciais, de hostalería, edificios e centros públicos, concellos, centros de saúde, xulgados e centros educativos. Ademais, desde o próximo 15 de novembro, tamén se desenvolverán accións en prensa, radio, televisión e redes sociais.

A campaña rematará o próximo 26 de novembro, data na que terá lugar en Santiago de Compostela a quinta edición da andaina “Camiño ao respecto”, que percorrerá o treito que une o Monte do Gozo e a Praza do Obradoiro.

Compromiso do conxunto da sociedade


Na súa intervención, López Abella recordou que o compromiso contra a violencia de xénero debe estenderse aos 365 días do ano, e que é preciso seguir sensibilizando a toda a sociedade na loita e prevención da violencia de xénero.

Ao respecto, recordou algunha das iniciativas que ten posto en marcha a Administración autonómica ao longo deste ano para seguir avanzando nesta materia. Así, citou, entre outras medidas, o decreto que regula a formación do persoal da administración autonómica en igualdade e en prevención e loita contra a violencia de xénero, un texto pioneiro a nivel estatal; a aprobación do Protocolo de coordinación e cooperación institucional fronte á violencia de xénero, o primeiro que se realiza en Galicia e que foi aprobado polo Pleno do Observatorio galego contra a violencia de xénero no pasado mes de xullo; ou o reforzo do apoio psicolóxico especializado nas oficinas de atención á vítima dos xulgados galegos.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 11/11/2017