O presidente da Xunta asistiu ao acto de entrega dos VII Premios Ourensanía
Feijóo propón “galeguizar España” como vía para “superar as incertezas do noso Estado das Autonomías”

“Somos pioneiros dun mundo como o noso baseado na interdependencia e concibido como unha rede de cooperación”, indica

Refírese á ourensanía como un concepto aberto e flexible que representan o porteiro de fútbol Miguel Ángel, galardoado co premio, e o escritor Ben-Cho-Shey, de quen se celebra en 2018 o 30º cabodano

Loa o galeguismo afectuoso que ten a súa orixe en Ourense e polo que cómpre apostar, pois dá cabida a toda Galicia
 

Ourense, 11 de novembro de 2017
  • whatsapp

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, propuxo hoxe “galeguizar España” como vía para “superar as incertezas do noso Estado das Autonomías. Lamentou que Cataluña, unha comunidade historicamente asociada á modernidade, a integración e ao emprendemento, se asocie agora “a escurantismo, fractura social e fuxida de empresas”. “Sen falsas modestias, creo que se antes España miraba a Cataluña como modelo autonómico, agora ten que mirar a Galicia”, afirmou.

Feijóo recordou que “galegos e ourensáns fomos o primeiro pobo global”, pois fomos pioneiros no uso do poder brando, que consiste en influír mediante a empatía, os valores e a cultura. “Conquistamos algo moi valioso: a admiración e o respecto das comunidades que nos acolleron”, asegurou.

Díxoo no acto de entrega dos VII Premios Ourensanía que convoca a Deputación de Ourense. Neste contexto, loou a ourensanía, un concepto aberto e flexible. “O reverso da ourensanía son as ideoloxías que buscan a división en razón da raza, do credo, da clase social, da bandeira ou da lingua”, advertiu o presidente.

Miguel Ángel, ourensanía desde a portería do Real Madrid e a Selección Española


O galardoado nesta edición dos Premios Ourensanía foi o porteiro de fútbol Miguel Ángel. O presidente salientou del que en toda a súa traxectoria, que o levou da Agrupación Deportiva Couto ao Real Madrid e á Selección Española, Miguel Ángel “conservou sempre a ourensanía que hoxe lle outorgamos de maneira oficial”.

Feijóo trazou un paralelismo entre os políticos e os porteiros antes do lanzamento dun penalti, cando, pese a que contan cos consellos dos compañeiros, quedan só fronte á súa responsabilidade. “Pregúntome por que os galegos, amén de fornecer de bos políticos a España, achegamos igualmente grandes porteiros: Juan Acuña, Paco Buyo, Diego López, Miguel Ángel”, bromeou o presidente.

“Galeguismo de apertas e sorrisos”


Ademais, o xurado dos Premio Ourensanía decidiu declarar 2018 o ano do escritor Xosé Ramón Fernández Oxea, coñecido como Ben-Cho-Shey, no seu 30º cabodano. O presidente da Xunta referiuse ao “galeguismo de apertas e sorrisos” de Ben-Cho-Shey, un galeguismo aglutinador que procuraba que a xente se sentise galega en todo momento. Unha idea tan simple como esta contén “unha filosofía política e vital sen a que non se entende o proceso democrático e autonómico de Galicia”. Este galeguismo afectuoso, experto en lanzar mensaxes fraternos, ten as súas raíces en Ourense, “a Atenas de Galicia”, con literatos como Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo ou o propio Ben-Cho-Shey. O seu xeito de entender Galicia impregnou a sociedade e a política do noso país con ideas de concordia.

A literatura de Ben-Cho-Shey caracterízase polo predominio do humor, algo que “humaniza, amortece as paixóns e sutura feridas”. “Coidémonos de ideoloxías e líderes que consideran o humor delitivo ou de segunda categoría”, sentenciou Feijóo.

Por último, o presidente da Xunta referiuse á ourensanía e o galeguismo como unha tarefa que estará sempre inacabada. Apostar democraticamente por esa maneira de entendernos e relacionarnos é un esforzo no que cabe toda a nosa Comunidade. “Grazas a esa idiosincrasia, nin Ourense nin Galicia son pequenos; seguindo a Vicente Risco, Galicia e Ourense son un mundo”, concluíu.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 11/11/2017