O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, mantivo hoxe en San Caetano unha xuntanza co alcalde do municipio coruñés, Juan Alonso Tembrás
A Xunta incrementou en máis dun 40% as horas dispoñibles no servizo de axuda no fogar nas Somozas nos últimos tres anos

Rey Varela puxo en valor o feito de que Galicia é a comunidade autónoma que mellores datos rexistra en canto atención profesional no contorno familiar a persoas dependentes, ao tempo que salientou o novo impulso ás políticas sociais que supoñen os novos orzamentos autonómicos de 2018

Santiago de Compostela, 13 de novembro de 2017
  • whatsapp

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, segue a impulsar o diálogo entre a administración autonómica e os entes locais co obxectivo de garantir unha atención próxima de calidade, así como mellorar os programas e iniciativas no ámbito social. Así, na xornada de hoxe mantivo no seu despacho de San Caetano unha xuntanza de traballo co alcalde do municipio coruñés das Somozas, Juan Alonso Tembrás, que serviu para dar conta ao rexedor das liñas básicas dos novos orzamentos deste departamento autonómico.

O titular de Política Social trasladou ao primeiro edil o novo impulso as políticas sociais que se recolle nas contas de 2018, cun crecemento do 9% con respecto ao presente ano ata superar os 700 millóns de euros. Ao respecto, explicou que este incremento “permitirá seguir mellorando os programas e servizos dirixidos ás familias, aos nosos maiores e á inclusión coa finalidade de que ningún fogar quede ao marxe da recuperación da economía galega”.

Neste liña, Rey Varela fixo fincapé no reforzo dos programas de atención á dependencia e, en especial, do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), no que Galicia rexistra os mellores datos de atención do conxunto do Estado. Rey Varela dixo que este servizo permite atender cunha prestación profesional aos maiores dependentes que elixen permanecer nas súas casas e no seu contorno familiar, ao tempo que engadiu que é un servizo axeitado para dar resposta a dispersión da poboación na comunidade.

De feito, desde a creación da Consellería de Política Social en 2015 e ata a data de hoxe o número de horas de SAF á disposición do concello das Somozas aumentou nun 43,7%, o que equivale a 2472 horas máis ata acadar na actualidade as 8124 horas habilitadas ao ano e unha cobertura superior ao 90%.

Conselleiro e alcalde acordaron continuar coa cooperación emprendida entre as dúas institucións, pensando no benestar e na mellora dos servizos e programas dirixidos ás persoas e familias que máis precisan do apoio das administracións. Nesta liña, a xuntanza serviu para que Rey Varela coñecera de primeira man novas propostas e proxectos en materia de servizos sociais que está a impulsar o concello das Somozas e que o departamento autonómico estudará de cara a posibles colaboracións.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 13/11/2017