Conde aposta por difundir entre a mocidade os valores da RSE para que as empresas do futuro gañen en competitividade

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, visitou hoxe en Ourense aos alumnos e alumnas do IES 12 Outubro que están participando no programa Xeración Responsable, que impulsa a Xunta no eido da RSE

É unha iniciativa pioneira, que se enmarca na campaña europea Enterprise 2020, para inculcar entre os máis novos a importancia que ten a integración de comportamentos socialmente responsables

Destaca a importancia de xerar entre os mozos e mozas debates relacionados coa inclusión social e o desenvolvemento sostible

A Xunta impulsa a RSE a través de diferentes ferramentas como as axudas dirixidas a pemes, micropemes e autónomos coas que se apoiaron este ano a 150 empresas
 

Ourense, 14 de novembro de 2017
  • whatsapp

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, avogou hoxe por difundir entre a mocidade os valores da Responsabilidade Social Empresarial (RSE) para que as empresas do futuro sexan máis competitivas, na visita que realizou aos alumnos do IES 12 Outubro de Ourense, que están participando en Xeración Responsable, unha iniciativa pioneira da Xunta coa que se pretende inculcar entre os máis novos a importancia que ten a integración de comportamentos socialmente responsables no día a día.

O programa, que se enmarca na campaña europea Enterprise 2020, achega os contidos a través dunha plataforma online, https://xeracionresponsable.tumblr.com/, e de talleres presenciais nas aulas como o que hoxe se desenvolveu en Ourense. O proxecto estase realizando en institutos das catro provincias galegas para achegarse a uns 250 alumnos e alumnas da ESO, FP e Bacharelato.

Conde sinalou que a formación desde idades temperás neste ámbito é de gran utilidade para que os mozos e mozas poidan, ademais, desenvolver a súa carreira profesional co maior éxito posible. Puxo en valor a importancia de xerar entre os máis novos debates relacionados coa inclusión social e o desenvolvemento sostible, ao tempo que animou ás empresas galegas a seguir tomando medidas orientadas a dar respostas responsables desde o punto de vista medioambiental, da inclusión social e a igualdade de xénero.

O impulso da RSE é unha prioridade para o Goberno galego que conta con diversas ferramentas para axudar ás pemes a implantar unha xestión baseada en comportamentos responsables. Entre as medidas que está executando a Xunta destacan as axudas dirixidas a pemes, micropemes e autónomos para a adopción de medidas para favorecer a igualdade e conciliación laboral, coas que se apoiaron este ano a 150 empresas cun orzamento de 760.000 euros.

Tamén resaltan programas para a divulgación da RSE como Responsabilízate, de asesoría gratuíta personalizada, ou o impulso que a Xunta está dando ao Grupo de Representación Empresarial Galego en RSE, formado por 13 empresas, que levan, coa colaboración da Administración, as súas experiencias ás pemes.

A Xunta, en definitiva, está traballando para poñer a RSE no centro do modelo empresarial para garantir a saúde e o benestar dos traballadores e unha xestión eficiente dos recursos enerxéticos, ao tempo que se procure unha sociedade inclusiva que integre perfís diversos. O fin último é promover o emprego estable e de calidade, especialmente entre a mocidade.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 14/11/2017