A conselleira do Medio Rural interveu esta mañá no Fórum Europa Tribuna Galicia
A Xunta porá en marcha este mesmo mes a Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Agacal

Ángeles Vázquez explicou que este será o instrumento de actuación en materia de promoción, potenciación e protección da calidade das producións alimentarias da nosa comunidade

Sinalou que neste primeiro ano de aplicación do Leader e en practicamente dous meses realizáronse máis de 880 solicitudes por valor de 42,5 millóns de euros de axuda, un terzo das que se fixeron en todo o período 2009-2015

Anunciou que as últimas solicitudes de axudas para plans de mellora e incorporación de mozos resolveranse no mes de decembro

Lembrou que a nosa comunidade é a novena potencia forestal europea e insistiu na aposta da Xunta por un monte produtivo e ordenado, destacando que a revisión do Plan Forestal de Galicia completarase nos vindeiros meses

Santiago de Compostela, 14 de novembro de 2017
  • whatsapp

A Xunta creará este mes a Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal) como instrumento de actuación en materia de promoción, potenciación e protección da calidade das producións alimentarias da nosa comunidade. Así o anunciou esta mañá a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, na súa intervención no Forum Europa Tribuna Galicia.

A titular de Medio Rural explicou que esta axencia concentrará as actividades formadoras, investigadoras e de desenvolvemento tecnolóxico no eido agroforestal. Ademais, será a ferramenta básica da Xunta en materia de promoción e protección da calidade diferencial dos produtos alimentarios galegos acollidos aos distintos indicativos de calidade. A conselleira sinalou que en materia de formación, a Agacal centrarase en acadar un sector agroalimentario máis formado e profesionalizado, “coa vista posta tanto en acadar explotacións viables e rendibles como en satisfacer as demandas da industria que precisa empregar persoal cualificado”.

Esta axencia tamén traballará nos eidos da innovación, a calidade e a promoción. Así, coordinará o Plan de Innovación da Consellería e as accións orientadas cara á calidade, unha aposta que, dixo a conselleira, se materializará en 2018 en diversas axudas por importe de 6,6 millóns de euros para o fomento da produción e o consumo dos nosos produtos de calidade.

Neste terreo, Ángeles Vázquez fixo especial fincapé no mundo do viño, que puxo en valor como “o noso sector agroindustrial máis exportador” e lembrou que para afondar na súa internacionalización o Goberno galego achegou 7,1 millóns de euros entre 2012 e 2016. Tamén se referiu ao 2018 como o ano da “posta de largo de catro novas indicacións xeográficas protexidas, nas que Medio Rural leva tempo traballando”. Trátase das do Capón de Vilalba, Ribeiras do Morrazo, Vaca e Boi de Galicia e Pan Galego. Avanzou, así mesmo, que no vindeiro exercicio está prevista a aprobación do decreto que desenvolve o sector da artesanía alimentaria, unha figura que se complementa co Plan estratéxico da produción ecolóxica galega.

Liñas estratéxicas


A conselleira do Medio Rural debullou neste foro as liñas estratéxicas do seu departamento para “completar a oportunidade económica e laboral que proporciona o rural coa achega das condicións de vida que a fagan equiparable a calquera área da nosa comunidade”. Por iso, dixo, “estamos fomentando a vertebración socioeconómica do territorio rural compaxinando a actividade agraria coa economía dos sectores secundario e terciario”. Trátase, segundo explicou, de lograr que o rural sexa un lugar de oportunidades laborais, “sen dúbida o mellor camiño para loitar contra o despoboamento”.

Neste contexto, a conselleira destacou a importancia do programa Leader e o seu dinamismo, que se pon de manifesto cun dato que achegou: “neste primeiro ano de aplicación do programa e en practicamente dous meses realizáronse máis de 880 solicitudes por valor de 42,5 millóns de euros de axuda, un terzo das que se fixeron en todo o período entre os anos 2009 e 2015”.

Ángeles Vázquez falou tamén da importancia de mellorar a base territorial das explotacións e reiterou a disposición do Goberno galego a arbitrar medidas para loitar contra o abandono das terras agrarias. Entre estas actuacións explicou o proxecto de Mobilización de Terras Agrarias, con intervencións para a recuperación de soutos no Courel, de praderías nos Ancares, pasteiros en Sober, terras para produción de viñedo ou froitos nas zonas vitícolas de Ourense ou a posta en valor de terreos afectados por lumes en Cualedro ou Oímbra, tamén na provincia ourensá. Todo isto, engadiu a conselleira, sen descoidar o investimento nos procesos de reestruturación parcelaria, co obxectivo de rematar administrativamente no ano 2020 todas as zonas actualmente abertas.

No ámbito da modernización, a titular de Medio Rural lembrou datos positivos, como as máis de 1.560 solicitudes de incorporación de mozos ao rural en tres anos ou as 3.800 peticións de plans de mellora de explotacións entre 2016 e 2017. As solicitudes da última campaña resolveranse no mes de decembro, avanzou. En relación coas industrias agroalimentarias, sinalou que este ano serán 144 as beneficiarias das axudas da consellería, cun investimento de case 75 millóns de euros e unha axuda de 24 millóns.

Sector forestal


A conselleira centrou boa parte da súa intervención no sector forestal. Lembrou que Galicia é a novena potencia europea neste eido, liderando a produción nacional e insistiu na aposta da Xunta por un monte produtivo e ordenado. Ademais, reiterou que a revisión do Plan Forestal de Galicia está a ser unha das prioridades deste Goberno, coa previsión de completar este proceso nos vindeiros meses.

Ángeles Vázquez rematou o seu discurso cunha referencia á pasada vaga de lumes de outubro e fixo, unha vez máis, un chamamento á sociedade en xeral para loitar contra a actividade delituosa incendiaria. Neste sentido, advertiu que o traballo dos efectivos contra incendios, que volveu agradecer, “será en van mentres haxa un só incendiario que prenda lume nos nosos montes”.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 14/11/2017