O decreto que homoxeneíza os protocolos de control dos ascensores intalados en Galicia aplicarase a partir do 4 de decembro

Trátase dunha normativa que adapta as novidades introducidas pola lexislación estatal para garantir unha maior seguridade nos elevadores

Permite que as inspeccións por parte dos Organismos de Control Autorizado (OCA) para comprobar as condicións de conservación e mantemento dos aparatos se realicen a través dunha mesma norma

Posibilita dar de baixa temporal un ascensor sen que perda o seu Rexistro de Aparello Elevador (RAE), medida que beneficiará especialmente aos edificios vacacionais
 

Santiago de Compostela, 14 de novembro do 2017
  • whatsapp

O novo decreto relativo aos ascensores instalados en Galicia entrará en vigor o día 4 de decembro, tras a súa publicación hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG). Trátase dunha adaptación da normativa autonómica ás novidades introducidas pola lexislación nacional vixente nesta materia -Instrución Técnica Complementaria AEM1-, o que permite dotar dunha maior seguridade e control os elevadores dos edificios galegos.

Unha das novidades máis destacadas que introduce é que se establece a obrigatoriedade de que todos os Organismos de Control Autorizado (OCA) realicen as súas inspeccións en base á norma UNE 192.008, homoxeneizando un procedemento no que, ata agora, cada OCA utilizaba o seu propio protocolo. Ademais, establécense as concordancias nas calificacións das inspeccións a nivel autonómico e estatal, aportando unha maior claridade.

Outro punto destacado é a posibilidade de dar de baixa temporal un ascensor, unha medida que beneficiará especialmente aos edificios vacacionais que, deste xeito, non perderán o seu número de Rexistro de Aparello Elevador (RAE).

Ademais o decreto regula de xeito máis exhaustivo varios procedementos como as comunicacións entre empresa mantedora e reparadora no caso dos arranxos de ascensores; a notificación de posta fóra de servizo; e a obrigatoriedade da comunicación bidireccional nos ascensores existentes.

Finalmente, elimínase a obrigatoriedade do libro do ascensor, xa que os Organismos de Control Autorizado están obrigadas a enviar á Xunta as actas das inspeccións e tamén, de xeito mensual, as empresas mantedoras teñen que remitir o contido do seu rexistro.

Con todas estas medidas, o Goberno galego segue avanzando no obxectivo de conseguir vivendas máis seguras e con máis calidade, o que redunda nun maior benestar dos cidadáns. Nesta liña, enmárcanse o plan de renovación de ascensores ao que a Xunta destina máis de 3 millóns de euros desde a súa posta en marcha en 2015, un programa que xa permitiu renovar 300 elevadores en Galicia.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 14/11/2017