O delegado territorial da Xunta en Lugo presentou, xunto ao subdelegado do Goberno central nesta mesma provincia, o novo protocolo de actuación
Os profesionais sanitarios da provincia de Lugo contarán con dous interlocutores policiais en caso de agresións

A nova figura ten por obxecto reducir este tipo de sucesos no entorno médico e ofrecer maior protección, asesoramento e medidas de prevención para o persoal dos centros sanitarios da provincia

Lugo, 14 de novembro de 2017
  • whatsapp

Os profesionais sanitarios da provincia de Lugo contarán coa figura do Interlocutor Policial Territorial Sanitario, dous expertos designados pola Policía Nacional e a Garda Civil, que lles proporcionarán unha maior protección e seguridade xurídica en caso de agresións.

A nova figura, vai dar resposta ás demandas que neste ámbito formula o persoal que traballa nos centros sanitarios e busca convertese, a súa vez, no enlace de comunicación permanente coas forzas de seguridade. Os interlocutores policiais ofrecerá tamén asesoramento sobre as medidas adecuadas para previr e reducir as agresións.

Así o explicaron esta mañá o delegado territorial da Xunta en Lugo, Jose Manuel Balseiro quen, xunto ao subdelegado do Goberno nesta mesma provincia, Ramón Carballo, presentaron o novo protocolo de actuación.

Asistiron tamén á xuntanza os responsables territoriais da Consellería de Sanidade e Presidencia –entre eles o xerente da EOXI Lugo, Cervo, Monforte, Ramón Ares e representantes dos Colexios provinciais de Médicos e de Enfermería, xunto a responsables da Garda Civil, da Policía Nacional e da Policía Autonómica.

Novo protocolo

A nova instrución 3/2017 da Secretaria de Estado de Seguridade sinala que o obxectivo desta figura do interlocutor é a de lograr un contacto más directo e fluído cos corpos de seguridade no caso de que se produza unha agresión.

Xunta e Goberno central manteñen o compromiso firme de loitar contra calquera forma de violencia e traballan na prevención permanente para garantir a plena protección e atención do seus profesionais que velan pola nosa saúde.

O novo protocolo establece medidas preventivas que reforzarán os dispositivos de seguridade e vixilancia na contorna dos centros sanitarios. Tamén se organizarán actividades formativas e informativas para que os profesionais poidan previr estas situacións e saiban protexerse.

Do mesmo xeito, estase traballando na elaboración dun catálogo e nunha clasificación de centros sanitarios; tanto públicos como privados, en función do seu "risco de acción delituosa" e que quedarán xeorreferenciados; á vez que se desenvolve o establecemento de canles de comunicación permanentes coas autoridades sanitarias.
 

Imaxes relacionadas
Departamento: C. de Sanidade
Data de actualización: 14/11/2017