O presidente da Xunta visitou hoxe o Centro Tecnolóxico da Pizarra e as instalacións da fábrica Pizarras del Valle
Feijóo destaca a aposta pola innovación e a internacionalización que está a levar a lousa galega por todo o mundo

Garante que neste camiño o sector seguirá contando co apoio decidido da Xunta como reflicte o investimento de preto de 9 millóns de euros desde 2009

Avanza unha achega de 3 millóns de euros en 2018 para financiar instalacións que permitan diminuír o po de sílice nas fábricas

Entre as liñas de colaboración co Clúster da Pizarra neste 2017 salienta: o reforzo da promoción internacional, a nova convocatoria do Plan Renove da lousa e a difusión das vantaxes do seu uso para cubertas e fachadas

Precisa que, para o conxunto da minería, a Lei de implantación empresarial suporá a creación de 800 empregos e un incremento do 20% na súa achega ao PIB
 

Carballeda de Valdeorras (Ourense), 9 de novembro de 2017
  • whatsapp

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe a aposta pola innovación e a internacionalización que está a levar a lousa galega por todo o mundo. Un sector que na actualidade dá traballo directo e indirecto a 12.400 persoas, e que, tal e como garantiu o responsable autonómico, seguirá contando neste camiño co apoio decidido da Xunta.

Neste sentido, e durante unha visita ao Centro Tecnolóxico da Pizarra e ás instalacións da fábrica Pizarras del Valle, Feijóo lembrou que o investimento da Administración autonómica no sector da lousa ascende a preto de 9 millóns de euros desde 2009, que permitiron unha mobilización de máis de 20 millóns. E, entre as principais liñas de colaboración co Clúster da Pizarra neste 2017, resaltou a restauración demostrativa dunha canteira de lousa en Quiroga e a elaboración dunha guía de boas prácticas para revitalizar estas canteiras; a difusión das vantaxes do uso da lousa para cubertas e fachadas; o reforzo da promoción internacional do sector; e a nova convocatoria do Plan Renove da lousa, para incentivar a renovación de fachadas e tellados.

“E no vindeiro ano reforzaremos e ampliaremos esta colaboración”, asegurou, referíndose, fundamentalmente, ás axudas para adaptar as instalacións aos novos procesos para reducir a exposición ao po de sílice.

Ao respecto, avanzou unha achega de 3 millóns de euros, en 2018, para financiar instalacións que permitan diminuír o po de sílice nas fábricas; “e situarnos á vangarda na loita contra as doenzas profesionais asociadas á lousa”, abundou.

Os profesionais do sector, beneficiarios da nova Lei de implantación empresarial
Así mesmo, salientou que os profesionais da lousa están tamén entre os beneficiarios directos da nova Lei de implantación empresarial. “Unha lei –explicou- que persegue seguridade xurídica e que diminúe as trabas burocráticas para poder investir con seguridade e con respecto ao medio ambiente”.

Feijóo afirmou que, para o conxunto da minería, a Lei de implantación empresarial suporá a creación de 800 empregos e un incremento do 21% na súa achega ao PIB.

Como exemplo dos esforzos que o sector está a levar a cabo no eido da innovación, o presidente da Xunta recordou que o Centro Tecnolóxico da Pizarra se converteu, desde o inicio da súa actividade en 2005, nun referente da I+D+i aplicada á lousa, especialmente para investigar sobre novos procesos e produtos e mellorar a calidade. E, nos últimos anos, os seus esforzos concentráronse sobre todo en atopar o xeito de minimizar a emisión de po de sílice ao cortar a pedra.

Sobre este punto, o presidente da Xunta subliñou o desenvolvemento do proxecto piloto de máquina de corta de lousa en Pizarras del Valle, que fai posible que nesta fábrica a emisión de po de sílice estea por debaixo do que aconsella a UE.

No tocante á internacionalización, o sector creou a marca Galician & Spanish Slate, que lle garante ao comprador que esa lousa procede da Comunidade e que foi sometida a exhaustivos controis de calidade.

Cómpre resaltar que, na actualidade, o 95% da produción galega de lousa está destinada á exportación en tres mercados principais: Francia, Reino Unido e Alemaña. Se ben, o sector está a expandirse por mercados como os países nórdicos, Estados Unidos, Australia ou Rusia.

Así, en 2016 exportáronse 476.000 toneladas de lousa por valor de preto de 240 millóns de euros, dúas cifras que supoñen un crecemento superior ao 2% respecto ao que se lograra o ano anterior. E, en 2017 as vendas no exterior, nos sete primeiros meses deste ano, foron un 3% superiores ás do mesmo período do ano anterior.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 14/11/2017