A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, xunto co alcalde de Noia, Santiago Freire, supervisou hoxe a marcha destes traballos para dotar aos veciños e aos usuarios do transporte público dunhas instalacións máis cómodas e eficientes
Ethel Vázquez avanza que as obras de mellora da estación de autobuses de Noia, cun investimento de case 180.000 euros, estarán rematadas este ano

Vázquez Mourelle explica que estas actuacións, que comezaron en outubro, consisten na reparación da cuberta, no acondicionamento da fachada e na renovación e substitución de distintos elementos da estación

Indica que as obras na terminal, cuns 200.000 viaxeiros ao ano, enmárcanse no Plan renove de estacións de autobuses que vén desenvolvendo a Xunta para mellorar o servizo aos viaxeiros e fomentar o uso do transporte público

Subliña que a 1ª fase do Plan de Transporte Público, en Noia e Lousame, abrangueu 6 liñas e en 3 delas implantouse a modalidade de transporte escolar compartido, dispoñendo os veciños de máis paradas e máis preto das súas casas

Indica que o Goberno galego continúa a traballar por dotar aos veciños de Noia de mellores equipamentos e tamén de servizos de transporte máis funcionais e mellor adaptados aos seus desprazamento cotiás

Noia (A Coruña), 14 de novembro de 2017
  • whatsapp

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, xunto co alcalde de Noia, Santiago Freire, supervisou hoxe a marcha dos traballos de conservación e mellora na estación de autobuses desta vila, cun investimento de 180.000 euros e cuxo remate se prevé neste mesmo ano.

Vázquez Mourelle explicou que estas obras, que comezaron en outubro, consisten na reparación da cuberta, no acondicionamento da fachada e na renovación e substitución de distintos elementos da estación, co obxectivo de dotar aos veciños e a todos os usuarios do transporte público dunhas instalacións máis eficientes e máis cómodas. Concretamente, os traballos están dirixidos a mellorar a impermeabilización, o illamento térmico, renovación eléctrica e mellora dos exteriores.

As actuacións nesta terminal, que rexistra unhas 30.000 expedicións e uns 200.000 viaxeiros ao ano, están enmarcadas no Plan renove de estacións de autobuses que vén desenvolvendo a Xunta para mellorar o servizo aos viaxeiros e contribuír ao fomento do transporte público.

A conselleira subliñou a aposta do Executivo autonómico pola promoción do transporte público, traballando tanto na mellora dos equipamentos como dos servizos co obxectivo de dar resposta ás demandas de mobilidade dos galegos. Así se puxo de manifesto coa 1ª fase do Plan de Transporte Público de Galicia, que entrou en funcionamento o pasado mes de agosto para garantir o transporte logo de que certas empresas renunciaran a seguir coa prestación do servizo.

No caso concreto do concello de Noia e de Lousame, a 1ª fase do Plan abrangueu un total de 6 liñas e en 3 delas implantouse a modalidade de transporte escolar compartido, o que significa que os veciños poden aproveitar os asentos baleiros dos autobuses escolares, dispoñendo de máis paradas para coller o autobús e tamén máis cerca das súas casas.

A titular de Infraestruturas destacou que a Xunta traballa por dotar aos veciños de Noia de mellores equipamentos e tamén de máis e mellores servizos de transporte, máis funcionais e mellor adaptados aos seus desprazamento cotiás.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 14/11/2017