O I Salón do Deporte e Turismo activo chega a Ourense con máis de 100 expositores para promover Galicia como destino saudable

Desde o venres ata o domingo participarán profesionais de Galicia e o Norte de Portugal e celebraranse torneos, exhibicións deportivas, charlas e lecer activo

Na presentación de ‘Sportur’, a directora de Turismo, Nava Castro, salientou a aposta polo deporte como un xeito de enriquecer a actividade turística todo o ano

Pola súa banda, Marta Míguez destacou a participación de “32 federacións e clubs de toda Galicia que terán un expositor propio e programarán actividades no Salón, contando co apoio da Secretaría Xeral para o Deporte”
 

Ourense, 14 de novembro de 2017
  • whatsapp

A cidade de Ourense acollerá desde o próximo venres e ata o domingo, o I Salón do Deporte e Turismo Activo, Sportur, unha iniciativa que promoverá o potencial de Galicia como destino activo e saudable durante todo o ano e onde se levarán a cabo diferentes iniciativas para os afeccionados ás actividades ao aire libre.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e a secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez, presentaron esta mañá este encontro no que participarán profesionais de Galicia e Norte de Portugal en máis de 100 expositores e no que se programarán máis dun cento de actividades, desde torneos a exhibicións deportivas, charlas e lecer activo.

“Cremos no deporte como un xeito de enriquecer a actividade turística, especialmente fóra de tempada alta”, explicou Nava Castro, recordando que así se plasma na Estratexia de turismo de Galicia 2020, a folla de ruta do turismo galego coa que a Xunta de Galicia traballa xunto co sector para consolidar a competitividade e calidade do destino.

Neste sentido, referiuse á importancia que o turismo activo está a ter na estratexia turística de Galicia, “un escenario privilexiado para a práctica de numerosos deportes”, explicou enumerando algúns deles, que terán presenza en Sportur, como o surf, as regatas náuticas, o golf, as BTT -bicicletas para as que Galicia conta con catro centros repartidos por toda a Comunidade- o running, sendeirismo, kayak, paddle surf o paddleboard; ou mesmo o disc golf unha disciplina con presenza en varios países de Europa e para a que en Galicia se conta desde hai uns meses cunha das primeiras pistas instaladas en toda España, no Parque Monte do Gozo de Santiago de Compostela.

Do mesmo xeito, referiuse á oportunidade de Sportur para o intercambio profesional do sector, coa celebración do Primeiro Seminario de Turismo Activo e Deportivo de Galicia e un workshop no que participarán destacados destinos onde se promoverán encontros entre operadores e axencias especializadas en turismo activo de Galicia, Andalucía, Asturias, Madrid ou Cataluña.

Pola súa banda, a secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez apuntou que de entre todos os participantes de Sportur destacan as “32 federacións e clubs de toda Galicia que participarán activamente cun expositor propio e programarán actividades no Salón, contando co apoio da Secretaría Xeral para o Deporte”. Ademais, informou a secretaria xeral, “a Xunta de Galicia realiza unha convocatoria especial para os técnicos e xestores municipais a través das charlas que terán lugar ao longo dos tres días e nomeadamente o venres 16, cando o director xerente da Fundación Deporte Galego impartirá a conferencia ‘Galicia Activa como ferramenta para o fomento da Actividade Física Saudable e como referencia de Recursos en Galicia’”.

Para a titular do Deporte galego, o obxectivo de Sportur “non é outro que acadar que Galicia sexa aínda máis coñecida como destino activo e saudable, como unha terra que ofrece multitude de opcións para gozar do deporte e das actividades ao aire libre”. “Unha chamada global a todo o mundo para que practiquen estas actividades e que nosa sociedade se vexa beneficiada cunha mellor calidade de vida”, concluíu.

Organizado por Expourense coa colaboración de Turismo de Galicia e a Secretaría Xeral para o Deporte, Sportur celebrarase en Ourense do venres 17 ao domingo 19 de novembro e está dirixido a deportistas, afeccionados e tamén a profesionais para dar a coñecer servizos, produtos e opcións vinculadas co turismo activo e o deporte. Inclúese tamén un espazo para as asociacións e federacións deportivas de Galicia.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 14/11/2017