Máis de 2000 usuarios de teleasistencia na provincia da Coruña estanse a beneficiar dun servizo financiado pola Xunta

O sistema de atención personalizada permite a usuarios e coidadores manter o contacto a través da liña telefónica durante 24 horas ao día e todos os días do ano

O delegado territorial na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou esta mañá a Mari Carmen Lamela, unha muller de 87 anos de idade que leva preto de dez utilizando o servizo
 

Santiago de Compostela, 14 de novembro de 2017
  • whatsapp

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou hoxe no seu domicilio a Mari Carmen Lamela, unha usuaria do servizo de teleasistencia, na súa modalidade de copago, e que aos seus 87 anos leva preto de dez dada de alta nun programa que está cofinanciado pola Xunta de Galicia a través da Consellería de Política Social en colaboración con Cruz Vermella.

A teleasistencia é un sistema de atención personalizada baseado nas novas tecnoloxías da comunicación, que permite aos seus usuarios e coidadores manter o contacto, a través da liña telefónica (fixa ou móbil), durante 24 horas ao día e todos os días do ano cun centro receptor atendido por persoal cualificado, capaz de atender as súas demandas ou mobilizar os recursos necesarios en caso de emerxencias sociais ou sanitarias.

Esta comunicación faise posible con só apertar un botón. Está destinada a persoas maiores, non dependentes, e ten carácter preventivo e de promoción da autonomía persoal. Os seus obxectivos son incrementar a seguridade do usuario e fomentar a súa autonomía persoal, adaptar a teleasistencia ás necesidades reais das persoas, e ofrecer unha resposta segura ante a posibilidade dunha situación de risco.

Avances tecnolóxicos
Na segunda xeración da tecnoloxía, a xeolocalización LoPe engade a outros servizos unha importante resposta de seguridade e tranquilidade para os familiares e coidadores de persoas con deterioración cognitiva, xa que permite coñecer a súa situación en todo momento e detectar riscos de forma automática.

Ovidio Rodeiro sinalou que na actualidade hai na provincia da Coruña 1.985 persoas atendidas por este servizo. Delas, 125 residen en Santiago, 385 na cidade da Coruña, 251 en Ferrol, e as 1.224 restantes noutras localidades da provincia. Outras cen persoas son usuarias da tecnoloxía LoPe. Deste xeito, na provincia da Coruña estanse a atender na actualidade 2.085 persoas mediante teleasistencia, o que supón o 41 por cento dos demandantes na Comunidade.

O delegado territorial da Xunta felicitou a Mari Carmen e agradeceu a súa hospitalidade e a súa colaboración para dar a coñecer este servizo. Ovidio Rodeiro lembrou que este servizo está implantado en Galicia desde o ano 2007, cun crecemento importante a partir do ano 2012. “Está orientado tanto a coidadores como ás propias persoas dependentes, pois nestes casos é tan importante a tranquilidade dos coidadores e familiares como a integridade física do usuario”, sinalou.

Política Social
Ovidio Rodeiro aproveitou a ocasión para facer un balance do esforzo que a Consellería de Política Social leva a cabo en Santiago e a súa comarca. O delegado lembrou que o Concello ten na actualidade 5.247 horas dispoñibles sen utilizar, o 58,75%, sobre un total de 8.930. Con 3.683 horas utilizadas, o 41,24%, Compostela é a cidade de Galicia con peor ratio de execución, o que provocou que quedase fora da última ampliación que supuxo un incremento de máis do 30 por cento das horas SAF na Comunidade. A partida destinada a este capítulo supera o millón de euros ao ano.

O delegado tamén lembrou que na actualidade na cidade hai 288 persoas que reciben mensualmente a Renda de Inclusión Social de Galicia (RISGA), o que supón un investimento de 1,7 millóns de euros ao ano. Na comarca as cifras elévanse ata os 2,4 millóns de euros para dar cobertura a 391 usuarios.

Finalmente, Rodeiro engadiu que este ano o Plan Concertado incrementou a nómina de persoal de recursos humanos cun novo educador social, o que deixa en 220.000 euros a partida anual que a Xunta de Galicia destina a financiar ao cen por cen os equipos de Servizos Sociais que pon a disposición do concello. Ovidio Rodeiro estimou en máis de 2,9 millóns de euros os recursos que destina a Política Social exclusivamente no Concello compostelán.

 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 14/11/2017