O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, mantivo hoxe un encontro de traballo co rexedor da localidade, José Luis Martínez Sanjurjo
A Xunta analiza os programas e servizos que presta no concello de Ordes

O titular do departamento autonómico repasou diversas accións como o Servizo de atención no fogar, que na Mancomunidade de concellos de Ordes incrementouse nun 54% nos dous últimos anos e que chega a unha ratio de atención do 98,6%

Santiago, 14 de novembro de 2017
  • whatsapp

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, mantivo hoxe unha reunión de traballo co alcalde do concello de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo, co obxectivo de analizar a situación dos programas e servizos que a Xunta de Galicia presta na localidade, así como de abordar posibles novas vías de colaboración no eido social.

Deste xeito, Rey Varela destacou que o Servizo de atención no fogar (SAF) incrementouse preto dun 54% nos últimos dous anos na Mancomunidade de concellos de Ordes, grazas ao cal os veciños e veciñas dispoñen de 51.000 horas anuais que permiten alcanzar unha ratio de atención do 98,6%.

Así mesmo, lembrou que ao abeiro do incremento producido no Plan Concertado, a Mancomunidade de Ordes dispón dun educador social máis. Ademais, a Xunta de Galicia contribúe ao mantemento das 74 prazas para nenos e nenas de 0 a 3 anos que oferta a escola infantil do municipio.

Este encontro de traballo forma para da rolda de entrevistas que o conselleiro está a manter cos primeiros edís galegos co obxectivo de seguir avanzando na colaboración e coordinación no desenvolvemento das políticas sociais.

Rey Varela insistiu na importancia de intensificar o diálogo e a coordinación entre administracións co obxectivo de conseguir un mellor e máis eficaz aproveitamento dos recursos públicos, e apuntou que “os servizos sociais non son dunha ou doutra administración, senón que son da xente aos que van dirixidos”.

O conselleiro indicou que o compromiso coas persoas e colectivos que máis precisan do noso apoio –maiores, dependentes, persoas en risco de exclusión social, etc.- non pode ser soamente de palabra senón que son necesarios feitos. Ao respecto, destacou que os recursos económicos da Consellería de Política Social medran no vindeiro ano 2018 nun 9%.


 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 14/11/2017