A Xunta dá visibilidade ao traballo de finalistas de Xuventude Crea a través dunha exposición na Fundación Eugenio Granell

Este evento poderá visitarse de martes a sábado ata o 26 de novembro e nela os asistentes poderán coñecer as coleccións de xoias deseñadas por dez mozos e mozas

O certame, que comprende un total de 12 especialidades, chega tamén esta semana á fase final nas modalidades de teatro e música, que se desenvolverán en distintos concellos galegos
 

Santiago, 14 de novembro de 2017
  • whatsapp

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, inaugurou hoxe na Fundación Eugenio Granell (Santiago) unha exposición que recolle os traballos de dez mozos e mozas finalistas do Certame Xuventude Crea na especialidade de deseño de xoias, e que poderá visitarse ata o 26 de novembro.

A responsable do departamento autonómico invitou a ver esta mostra, aberta de martes a sábado, “para poder coñecer a creatividade e o talento da mocidade galega”. Tal e como subliñou Cecilia Vázquez, “estes mozos e mozas e os seus traballos son exemplo dos novos valores do arte que a Xunta de Galicia quere potenciar a través do certame Xuventude Crea, iniciativa que naceu para respaldar o emprendemento artístico dos máis novos”.

A Fundación Granell recolle as coleccións deseñadas por Daniel Martínez González (A Coruña) co proxecto Tañidos; Delia Esperante Ingelmo (A Coruña) con Sinfonía; Xana Villalobos Salgado (Teo) coa obra Escornabois; Eva Baqueiro Gil (Cangas) con Cando a marea baixa; Sonia Fernández Gandasegui (Oleiros) coa colección Acción-Reacción; Adriana Rivas Seijo (Pontecesures) co proxecto “Arterias vivas”; Naira Comesaña González (Tomiño) coa obra Litografía de Picasso; Xiomara Lago Suárez (Salvaterra do Miño) con Futuro incierto; Sara Pato García (Allariz) coa colección Festexando única; e David Rauch Saavedra (Lugo) con Natura pura.

Cecilia Vázquez recordou que ao longo desta semana descorrerán tamén as fases finais das especialidades de teatro e música. Así a Casa da Cultura do Concello de Serra de Outes acolle desde mañá mércores e ata o venres a final da especialidade de teatro. Serán seis representacións, dúas por día, unha ás 17,00 horas e outra ás 20,00 horas, sendo a entrada de balde, ata completar aforo.

O mércores actuarán o IES Concepción Arenal de Ferrol coa obra Os facedores de bonecas e Prácido Domingo (Pontevedra) con Non hai que ser unha casa para ter pantasmas; o xoves, Teatro del Palo (Redondela) co proxecto Honey Rose e Tik Tak Teatro (Santiago) con Guerrilla, a última trincheira; e o venres, Cía. Señora Supina (Vigo) coa obra Cinco mulleres que comen tortilla e Escola de Teatro (Aula de Teatro da USC) coa obra Sonche bicos. E o sábado 18 de novembro o Bar La Espina en Bergondo será o escenario no que actuarán os seis grupos finalistas da especialidade de música.

Banda deseñada e graffiti

Cecilia Vázquez indicou que xa se coñecen os nomes dos mozos e mozas gañadoras doutras especialidades como a de banda deseñada. Deste xeito, o primeiro premio recaeu en Beatriz Rodríguez Gregores (Vigo) pola obra Ellipsism; o segundo en Zaida Novoa González (Pontevedra) co proxecto Noite meiga; e o terceiro en Uxía Larrosa Villanueva (Cambre) por A outro lado da auga.

Na especialidade de graffiti, o primeiro premio foi para Brais Rodríguez Trigo (A Coruña) polo proxecto Verde Luz; o segundo premio para Aldara Rodríguez Patiño (A Coruña) pola obra Entre realidade e fantasía; e o terceiro premio para Miguel Aurelio Cajaraville Mosquera (Baiona) por Encaixado. Así mesmo, o xurado outorgou mención de honra a Iria Fafián Alonso (Culleredo) por Un sorriso e a Víctor Incio del Río (A Coruña) por Letras.

Na edición do 2017 de Xuventude Crera presentáronse un total de 299 proxectos individuais e en grupo, para as doce especialidades previstas: teatro, cociña, música, artes plásticas, fotografía, deseño de xoias, banda deseñada, relato breve, poesía, moda, videocreación e graffiti. Están a participar un total de 376 mozos e mozas galegos, ou residentes en Galicia, non profesionais, con idades comprendidas entre os 16 e 30 anos.


 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 14/11/2017