A Xunta fai entrega de máis equipamento de emerxencias ás agrupacións de Protección Civil de 7 concellos da provincia de Lugo

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda fixo entrega hoxe de 5 remolques de emerxencias, 1 baúl de salvamento e 1 equipo de excarceración, cun investimento que supera os 128.000 euros

Os concellos beneficiarios son Chantada, Monforte de Lemos, Ourol, Portomarín, Sarria, Viveiro e Becerreá
 

  • whatsapp

Lugo, 16 de novembro de 2017.- A Xunta continúa reforzando a capacidade de resposta das agrupacións de Protección Civil, co obxectivo de facilitar mellores intervencións e dar maiores garantías de seguridade aos cidadáns, coa entrega de máis equipamento de emerxencias destinado a 7 concellos da provincia de Lugo.

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda entregou hoxe 5 remolques de emerxencias, 1 baúl de salvamento e 1 equipo de excarceración destinados ás Agrupacións de Protección Civil de Chantada, Monforte de Lemos, Ourol, Portomarín, Viveiro e para o GES de Becerreá, e que acada un investimento por parte do Goberno galego que supera os 128.000 euros.

Segundo explicou o vicepresidente, o equipamento de hoxe está enmarcado nun importante investimento que se está a facer nos últimos anos para mellorar a dotación e os medios dos distintos profesionais das emerxencias de Galicia, e a entrega deste novo material permitirá mellorar a eficacia das actuacións na prevención de riscos e nas intervencións nas emerxencias.

Ademais, tratase dun exemplo de colaboración entre o Goberno autonómico e os concellos para ofrecer o mellor aos cidadáns, neste caso no ámbito da seguridade e das emerxencias, polo que incidiu unha vez máis na importancia da colaboración e da cooperación entre as distintas administracións, especialmente cando se fala de seguridade e de xestión das emerxencias, que é cando os cidadáns máis o necesitan.

Nos dous últimos anos, o Goberno levou a cabo cun importante investimento no eido das emerxencias que supera os 8 millóns de euros con equipamento cedido aos concellos galegos. Este mesmo ano, foron entregados 10 todoterreos, 19 remolques de emerxencias, 7 embarcacións neumáticas e 9 bauis de salvamento.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 16/11/2017