O presidente da Xunta inaugurou hoxe a exposición do CERMI Capacitarte, unha mostra a prol dunha Galicia inclusiva e igualitaria
A Xunta reforza o orzamento para seguir avanzando na inclusión das persoas con discapacidade ata un total de case 103 millóns de euros

“Estamos a falar, en definitiva, duns orzamentos para as políticas de discapacidade en Galicia que soben máis do dobre do que se incrementan as políticas globais da comunidade”, asevera

Esta suba permitirá tamén incrementar as axudas para que os concellos supriman barreiras arquitectónicas e melloren a accesibilidade; e ampliar os servizos da Rede galega de atención temperá

Avanza que a OPE que se aprobará mañá xoves, no Consello da Xunta, contará coa maior porcentaxe de prazas reservadas para a discapacidade convocada en Galicia ata o momento

Avoga por seguir estreitando a colaboración coas entidades e sumando esforzos para multiplicar os resultados

Destaca o labor de CERMI Galicia e das entidades que o conforman, para que a sociedade siga avanzando no recoñecemento da valía das persoas con discapacidade e na súa integración social
 

Santiago de Compostela, 29 de novembro de 2017
  • whatsapp

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, afirmou hoxe que abrir as portas ás persoas con capacidades diferentes seguirá a ser unha das prioridades a nivel social do Goberno galego, como pon de manifesto o incremento, nun 8%, dos orzamentos destinados a lograr a plena inclusión das persoas con discapacidade, ata situarse nun total de preto de 103 millóns de euros. “Estamos a falar, en definitiva, duns orzamentos para as políticas de discapacidade en Galicia que soben máis do dobre do que se incrementan as políticas globais da comunidade”, aseverou.

Máis polo miúdo, precisou que a partida destinada aos convenios coas federacións que traballan neste ámbito se incrementarán por riba dos 4 millóns de euros e o orzamento destinado a soster as prazas de atención á discapacidade superará os 84 millóns.

Este reforzo do presuposto para discapacidade permitirá tamén incrementar nun 60% as axudas para que os concellos supriman barreiras arquitectónicas e melloren a accesibilidade, “o que nos permitirá presentar -aseverou- un Plan de accesibilidade máis ambicioso”; así como ampliar os servizos da Rede galega de atención temperá, cuxo orzamento sobe un 16%.

Así mesmo, avanzou que a OPE que se aprobará mañá xoves, no Consello da Xunta, contará coa maior porcentaxe de prazas reservadas para a discapacidade convocada en Galicia ata o momento.

Consciente de que aínda queda moito por facer, o presidente do Executivo autonómico avogou por seguir estreitando a colaboración coas entidades e sumando esforzos para multiplicar os resultados. Non en van, Galicia está avanzando decididamente cara á integración deste colectivo, grazas ao seu propio esforzo, á dedicación das entidades e ao compromiso das administracións públicas. “Ser diversos permítenos aprender, traballar pola accesibilidade universal aos servizos públicos e elevar exponencialmente a importancia do compromisos das institucións”, dixo Feijóo.

Neste sentido, subliñou que este é o obxectivo principal desta exposición do CERMI Capacitarte, unha mostra a prol dunha Galicia inclusiva e igualitaria, que se inaugura hoxe: proxectar os valores que transmiten as persoas con discapacidade e as entidades que os representan. “O seu traballo é imprescindible -incidiu- para entender a sociedade no seu conxunto, en igualdade, plena de dereitos e de obrigas”, asegurou.

Feijóo concluíu destacando e agradecendo a CERMI Galicia e ás entidades que o conforman a dedicación que poñen cada día para que a sociedade galega siga avanzando no recoñecemento da valía das persoas con discapacidade e na súa integración social. Ao respecto, precisou que ao longo dun ano irán pasando polo espazo desta exposición as mostras do traballo de cada unha das entidades que agrupan e defenden ás persoas con discapacidade física e intelectual, coa finalidade de que os logros que acadan cada día non queden relegados a un segundo plano, senón que se perciban con toda a importancia que teñen.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 29/11/2017