Galicia contará en 2018 con dous millóns de euros para as axudas a reestruturación e reconversión do viñedo, o dobre da pasada convocatoria

A conselleira do Medio Rural asistiu esta mañá á conferencia sectorial de agricultura e desenvolvemento rural, onde se decidiu o reparto destas axudas para cada unha das comunidades autónomas

Tamén se fixo unha ampliación de crédito para o programa escolar de consumo de froitas, hortalizas e leite no curso 2017/2018, ao que Galicia lle corresponde un incremento dun 48% chegando aos 1,5 millóns de euros totais

Santiago de Compostela, 04 de decembro de 2017
  • whatsapp

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, asistiu esta mañá en Madrid á conferencia sectorial de agricultura e desenvolvemento rural, onde se decidiu o reparto orzamentario das axudas para a reestruturación e reconversión do viñedo. O importe que recibe Galicia para o ano 2018 ascende a dous millóns de euros, o dobre que a pasada convocatoria, dun total de 74,2 millóns de euros establecidos polo Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente.

Ángeles Vázquez agradeceulle ao Ministerio que se tivera en conta todas as demandas presentadas polo seu departamento, no marco das reunións celebradas co sector para ver as necesidades da nosa comunidade. Neste senso, comunicáronse unhas prioridades por valor de 2 millóns de euros e o orzamento axústase ao 100% solicitado, permitindo traballar na reestruturación dunhas 180 hectáreas, que se suman ás 100 da pasada convocatoria.

Estas achegas están cofinanciadas na súa totalidade polo Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga) e aplícanse ás superficies de viñedo da comunidade autónoma destinadas á produción de uva para vinificación, nas que se leven a cabo tarefas de reconversión varietal, reimplantación de viñedos ou melloras das técnicas de xestión de viñedos. Ademais, este ano poderán acceder a esta liña de achegas aquelas explotacións afectadas polos episodios de xeadas e pedrazo que tiveron lugar na primavera.

Ángeles Vázquez reiterou a importancia destas axudas para o noso sector vinícola, pois permiten mellorar as técnicas de xestión dos viñedos e adaptar as explotacións ao mercado actual. Deste xeito, e grazas aos reaxustes estruturais que se levan a cabo, tamén se consegue diminuír os custes de produción nas explotacións vitícolas, onde predomina actualmente o minifundio.

Programa de froita fresca e leite na escola

Nesta xuntanza tamén se procedeu a ampliar o crédito orzamentario previsto polo Ministerio para o programa escolar de consumo de froitas, hortalizas e leite no curso 2017/2018. Así, a partida que lle corresponde a Galicia increméntase nun 48% chegando aos 1,5 millóns de euros.

Ata o de agora, o regulamento europeo tiña en marcha dous réximes de axudas destinados á mellora da distribución de produtos agrarios no alumnado de centros escolares. Por unha parte estaba a orde para a subministración de froitas frescas e hortalizas e, por outra, de leite e produtos lácteos. O pasado ano xuntáronse ambas liñas co fin de que o leite líquido fora totalmente subvencionado polas administracións.

Este programa permite aos centros escolares adquirir e repartir entre o seu alumnado -tanto de infantil e primaria como de secundaria- froita fresca e castañas, así como leite líquido co fin de potenciar o consumo destes produtos entre os nenos e a mocidade para crear hábitos alimenticios saudables de cara ao seu futuro. Esta liña está tendo moi boa acollida na nosa comunidade, da que se beneficiaron un total de 340 centros na pasada convocatoria.

Sons relacionados
  • Declaracións da conselleira
Imaxes relacionadas
Data de actualización: 04/12/2017