A Xunta participa nunha nova reunión entre o Goberno central e as comunidades autónomas para facer seguimento do brexit

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou hoxe nesta terceira reunión monográfica, que estivo presidida pola vicepresidenta do Goberno, Soraya Sáenz de Santamaría

Madrid, 4 de decembro de 2017
  • whatsapp

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou hoxe en Madrid -en representación do Vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda- na 58ª reunión do Pleno da Conferencia para Asuntos Relacionadas coa Unión Europea (CARUE).

O encontro, que estivo presidido pola vicepresidenta do Goberno, Soraya Sáenz de Santamaría, tivo como obxectivo analizar o impacto do brexit, traballar para fixar prioridades comúns á hora de afrontar a saída do Reino Unido da Unión Europea, e manter ao día a información que reciben as comunidades autónomas sobre a evolución das negociacións. Trátase da terceira reunión monográfica sobre o Brexit que manteñen o Goberno central e as comunidades autónomas.

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, expuxo as diferentes contribucións e análises que se están a facer en Galicia sobre o posible impacto do Brexit, incluíndo a participación do presidente da Xunta na Conferencia de Rexións Periféricas e Marítimas (CRPM) sobre o impacto do brexit que tivo lugar o pasado mes de novembro en Gales. Nesta reunión, asinouse unha Declaración aprobada pola Asemblea Xeral da CRPM e que recolle o posicionamento e as reivindicacións das rexións que a integran.

No ámbito económico, hai que lembrar que Galicia foi a primeira rexión en encargar un informe específico para avaliar os efectos do brexit no sector pesqueiro e que a nosa Comunidade foi a primeira rexión europea que asinou unha declaración de apoio ás comunidades pesqueiras ante o Brexit no mes de outubro.

Galicia está a ter un papel activo a nivel europeo á hora de defender os seus intereses durante as negociacións entre a Unión Europea e o Reino Unido e ante o novo escenario que se abrirá cando estas rematen.