O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, acudiu hoxe ao encontro de radio interxeneracional do proxecto ‘A experiencia conta’ celebrado en Santiago
A Xunta aposta pola convivencia e intercambio de experiencias entre mozos e maiores para construír unha sociedade máis inclusiva

O evento xuntou aos participantes na iniciativa que en datas previas elaboraron conxuntamente os contidos de diversos programas radiofónicos

O titular autonómico explicou que ‘o obxectivo desta experiencia é empoderar ás diversas xeracións e facilitar a mellora das súas habilidades comunicativas, que participen na sociedade e adquiran novos coñecementos no ámbito audiovisual’

Así mesmo agradeceu ao Concello de Vedra, a Cruz Vermella e Afundación de Betanzos, á Asociación Castro Baión, ao CEIP Ramón Falcón, ás residencias San Xoan e As Dores e ao IES Saturnino Montojo a súa colaboración

Santiago de Compostela, 4 de decembro de 2017
  • whatsapp

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, participou hoxe no encontro de radio interxeneracional do proxecto A experiencia conta, unha iniciativa que potencia o diálogo entre diferentes colectivos que abranguen a xoves e maiores coa finalidade de fomentar a construción dunha sociedade galega para todas as idades.

Esta iniciativa, promovida pola Consellería de Política Social, consistiu en desenvolver unha serie de experiencias piloto nas que se elaboran conxuntamente os contidos dun programa de radio interxeneracional, partindo da idiosincrasia das diferentes entidades e colectivos que impulsan cada programa radiofónico e dos seus propios protagonistas.

A experiencia conta pasou por Vedra, Vilanova de Arousa, Lalín, Betanzos, Ferrol e Castro de Rei, onde se gravaron os programas radiofónicos que están dispoñibles nun podcast ao cal se lle da difusión a través das diferentes webs implicadas no proxecto.

Tras a realización destes contidos radiofónicos, o proxecto conflúe no encontro celebrado hoxe, no que se puxeron en valor as diferentes experiencias vividas e déronse a coñecer outras iniciativas interxeneracionais innovadoras.

“O obxectivo desta experiencia é empoderar ás diversas xeracións e facilitar a mellora das súas habilidades comunicativas, que participen na sociedade e adquiran novos coñecementos no ámbito audiovisual”, explicou o conselleiro. A xuventude e as persoas maiores son dous piares básicos da Consellería de Política Social e “cremos firmemente en que a convivencia e o intercambio de coñecementos entre xeracións só pode ter resultados positivos para Galicia”, engadiu o titular autonómico.

No transcurso da súa intervención, Rey Varela agradeceu ás entidades participantes –Concello de Vedra, Cruz Vermella e Afundación de Betanzos, Asociación Castro de Baión (Vilanova de Arousa), CEIP Ramón Falcón (Castro de Rei), residencia San Xoan (Castro de Rei), residencia As Dores (Lalín) e IES Saturnino Montojo (Ferrol)- e aos seus colaboradores o labor realizado para facer realidade este proxecto.

Día Internacional do Voluntariado

Ao fío disto, o conselleiro lembrou que mañá 5 de decembro, conmemórase o Día internacional do voluntariado, unha data na que se rende homenaxe especial a todas as persoas que traballan de xeito desinteresado para construír unha sociedade mellor e axudar a quen máis o precisa. Cómpre destacar que Galicia é a comunidade autónoma con maior índice de participación: 40.000 persoas están implicadas en programas solidarios. “A nosa comunidade está á vangarda en materia de participación social e as accións do seu goberno teñen que potenciar que nos manteñamos neses niveis de solidariedade”, afirmou Rey Varela. Neste sentido, a Xunta segue a fomentar a actividade voluntaria como fórmula de participación na sociedade a través da posta en marcha de accións en áreas como a de maiores ou medio ambiente e que ao seu tempo, permitan aos galegos e galegas obter o certificado de experiencia voluntaria.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 04/12/2017