O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, mantivo hoxe unha xuntanza con responsables de Cáritas neste concello pontevedrés
A Xunta contribúe a mellorar os servizos de acollida básica e comedor que presta o tecido galego de entidades sociais

A Administración autonómica concedeu 83.000 euros a esta entidade para contribuír á mellora das instalacións e ao mantemento dos servizos de comedor e acollida básica que se prestan nas mesmas

O Goberno galego reforza a orde de axudas a entidades sociais para o desenvolvemento de programas e proxectos de inclusión, cuxo montante global supera na última convocatoria 2017-2018 os 10 millóns de euros
 

Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), 4 de decembro de 2017
  • whatsapp

O director xeral de Inclusión Social da Xunta de Galicia, Arturo Parrado Puente, visitou na xornada de hoxe o centro de Cáritas no municipio pontevedrés de Vilagarcía de Arousa, co obxectivo de coñecer de primeira man os servizos de comedor e de acollida básica que se prestan nestas instalacións ás persoas e familias máis desfavorecidas. O responsable do departamento autonómico aproveitou para manter unha xuntanza cos responsables da entidade en Vilagarcía de Arousa co obxectivo de analizar as liñas de traballo en común existentes e estudar posibles novas colaboracións.

A Xunta achega algo máis de 83.000 euros a Cáritas Interparroquial de Vilagarcía de Arousa para contribuír ao funcionamento do comedor e do servizo de acollida básica `Casa San Cibrán´. De feito, parte desta subvención, que se enmarca na convocatoria de axudas correspondente aos anos 2017-2018, permitiu á entidade levar a cabo a reforma das dependencias do comedor e dos aseos.

Ao respecto, Arturo Parrado subliñou que o Goberno galego vén de reforzar, unha vez máis, a liña de financiación a organizacións de iniciativa social para o desenvolvemento de programas e proxectos no ámbito da inclusión. Así, desde a creación da Consellería de Política Social o importe da orde de axudas a entidades multiplicouse por dous ata superar na convocatoria actual os 10 millóns de euros.

Nesta liña, o director xeral lembrou o traballo coordinado que se está a realizar cos axentes e entidades do sector, así como cos concellos no marco da Axenda Social, que definiu como “o mellor instrumento para facer fronte de maneira conxunta a situacións de exclusión e para mellorar os servizos, recursos e programas dirixidos a mellorar a calidade de vida das persoas con menos recursos e reducir as desigualdades”.

Por último, Arturo Parrado puxo en valor a actividade de Cáritas en toda Galicia en prol dos sectores da poboación que son máis vulnerables. “Unha tarefa na que o conxunto de entidades que conforman o tecido social da nosa comunidade poderán contar sempre co apoio da Xunta, como se pon de manifesto no novo aumento do orzamento autonómico destinado a políticas activas de inclusión que para o vindeiro ano sitúase nos 115,2 millóns de euros, un 8% máis que no presente exercicio”, concluíu.

Data de actualización: 04/12/2017