A conselleira do Mar, Rosa Quintana, asistiu en Madrid ao Consello Consultivo de Política Pesqueira para Asuntos Comunitarios
Galicia defende que a Unión Europea manteña un criterio de variabilidade máximo á hora de establecer os TACs e cotas

Propón que esas variacións de TACs e cotas entre un ano e outro estean dentro do 15% arriba ou abaixo

Rosa Quintana agradeceu á Ministra de Agricultura y Pesca, Alimentación y Medio Ambiente, Isabel García Tejerina, e ao seu equipo o traballo realizado para a defensa dos intereses do sector pesqueiro de España e de Galicia

En relación á sardiña, a conselleira agradecedeu o apoio do sector ao MAPAMA nas propostas para conseguir manter e apoiar o plan de recuperación desta especie e a súa comprensión ante a dificultade desta pesquería
 

Madrid, 4 de decembro de 2017
  • whatsapp

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, sinalou hoxe en Madrid que a Xunta defende que a Unión Europea manteña un criterio de variabilidade máximo á hora de establecer os Totais Admisibles de Capturas (TACs) e cotas de pesca. Neste sentido, Galicia avoga por que as variacións de TACs e cotas entre un ano e outro estean dentro do 15% arriba ou abaixo. Así o expuxo a titular de Mar ao remate do Consello Consultivo de Política Pesqueira para Asuntos Comunitarios, no que se tratou a proposta da Comisión Europea de TACs e cotas para o 2018.

Dentro destas variacións puxo como exemplo o caso do xurelo, onde nos últimos anos houbo subidas dun 70% na zona que vai de Fisterra cara ao sur (IXa) e agora a Comisión Europea propón unha baixada do 24%. Tamén lembrou o caso do lirio, que no 2011 experimentou unha redución do 93% na súa cota e que ao ano seguinte incrementou nun 200% . Ante estas evolucións, subliñou Rosa Quintana, “debe aplicarse unha flexibilización”, xa que isto “non lle dá estabilidade ao sector e non lle permite ter unha proxección de futuro”.

Ademais a titular de Mar fixo fincapé na importancia deste Consello Consultivo, xa que é o previo ao Consello de Ministros de Pesca da UE, no que “España se se xoga as posibilidades de pesca de cara ao ano seguinte e, con iso, a estabilidade do sector e o mantemento da súa actividade pesqueira”. Un tema, expuxo, que tamén é de especial relevancia para Galicia en particular, xa que na actualidade ostenta a representación das comunidades autónomas españolas en materia pesqueira ante a UE e onde ademais a pesca ten unha especial incidencia económica. Nesta liña lembrou que a pesca incide en 74 dos 81 sectores de actividade que posúe a comunidade autónoma galega.

Neste sentido, a conselleira do Mar agradeceu á Ministra de Agricultura y Pesca, Alimentación y Medio Ambiente, Isabel García Tejerina, e ao seu equipo o traballo realizado para a defensa dos intereses do sector pesqueiro de España e de Galicia en particular. Ademais lembrou que, para sumar argumentos de defensa do sector, desde Galicia “achegamos todos os datos que puidemos”.

Outro dos asuntos abordados neste Consello Consultivo foi a aplicación da obriga de desembarque de capturas de pesca establecida na Política Común de Pesca. En relación a este aspecto, Rosa Quintana sinalou que Galicia sempre se posicionou en contra da súa aplicación de xeito inmediato. Galicia defende a súa aplicación progresiva en base a estudos rigorosos feitos especie por especie, caladoiro a caladoiro e buscando outras alternativas de pesca. Ademais esta obriga choca frontalmente co principio de estabilidade relativa polo que se establecen os TACs e cotas, establecido hai máis de trinta anos, nun momento no que non existía a obriga de desembarco de capturas.

Sardiña

En canto á situación da pesquería da sardiña, a conselleira do Mar agradecedeu o apoio do sector ao MAPAMA nas propostas para conseguir manter e apoiar o plan de recuperación desta especie e a súa comprensión ante a dificultade desta pesquería. “O sector está facendo un esforzo á hora de comprender todas aquelas medidas que as administracións de España e Portugal están propoñendo ante a Comisión Europea para poder evitar que a sardiña entre no debate de TACs e cotas”, subliñou.

Crecemento azul

Ademais esta mañá en Madrid a conselleira tamén asistiu, xunto coa ministra Isabel García Tejerina, á sinatura do protocolo de impulso da estratexia de Crecemento Azul na rexión noroeste entre a Secretaría Xeral de Pesca e a Autoridade Portuaria de Vigo. Este protocolo baséase no Crecemento Azul como unha estratexia a longo prazo que parte do reforzo e relanzamento dos sectores tradicionais, buscando novas iniciativas que poidan impulsar todo o conxunto da economía mariña e marítima, de maneira que se potencie un crecemento innovador e sustentable no tempo.

Neste contexto, a Secretaría Xeral de Pesca e a Autoridade Portuaria de Vigo acordaron impulsar o Crecemento Azul na rexión Noroeste co obxectivo de identificar novas actividades con potencial de desenvolvemento económico, así como a súa compatibilidade e compatibilización de usos no espazo marítimo.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Mar
Data de actualización: 04/12/2017