A nova rebaixa fiscal da Xunta permitirá dinamizar 60 centros históricos de Galicia

Os beneficios fiscais aplicaranse en 16 enclaves da provincia da Coruña, 14 na de Lugo, 16 na de Ourense e 14 na provincia de Pontevedra

O obxectivo é potenciar a rehabilitación de inmobles e a posta en marcha de actividades económicas nas zonas históricas das cidades e vilas galegas

Esta rebaixa entrará en vigor o vindeiro 1 de xaneiro
 

Santiago de Compostela, 6 de decembro de 2017
  • whatsapp

A nova rebaixa fiscal da Xunta de Galicia para dinamizar os centros históricos das vilas galegas beneficiará a un total de 60 enclaves das catro provincias, segundo recolle a orde elaborada pola Consellería de Facenda que se publicará nos vindeiros días no Diario Oficial de Galicia (DOG).

Nesta orde recolleranse todos os centros históricos nos que a Axencia Tributaria de Galicia aplicará este novo beneficio fiscal, incluído nos Orzamentos da Xunta para 2018 –a través da Lei de Medidas Fiscais e Administrativas, en tramitación parlamentaria– e que entrará en vigor o 1 de xaneiro. O obxectivo desta medida é potenciar a rehabilitación de inmobles e a posta en marcha de actividades económicas en zonas históricas.

A rebaixa fiscal inclúe tres bonificacións fiscais: unha dedución no Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF) para as persoas que rehabiliten un ben inmoble situado nun centro histórico; e dúas deducións no Imposto sobre Patrimonio, pola afectación a actividades económicas de inmobles nos devanditos centros históricos, e pola participación en entidades que exploten bens inmobles situados nestes centros.

Para establecer este beneficio fiscal é preciso delimitar dunha forma clara o ámbito territorial ao que afecta, é dicir, definir aquelas zonas consideradas centros históricos. Esta delimitación inclúe por unha parte os centros que teñen a categoría de conxuntos históricos declarados ben de interese cultural, pero tamén outros ámbitos que teñen as características de centro histórico segundo unha evolución urbana ao longo do tempo con características tipolóxicas e estruturais recoñecibles da súa época e un conxunto de valores culturais.

Os monumentos ou xacementos arqueolóxicos sen sentido de agrupación urbana non están incluídos nesta orde, xa que o obxectivo desta rebaixa fiscal é precisamente dinamizar os centros urbanos das cidades e vilas galegas. Na delimitación xeográfica de cada centro histórico utilizaranse delimitacións xa existentes, fundamentalmente plans especiais de protección, plan xerais municipais e áreas de rehabilitación integral.

Centros históricos beneficiados


Segundo establece esta orde, o novo beneficio fiscal impulsado pola Xunta beneficiará a 60 centros históricos do territorio galego. Destes centros, 16 están situados en concellos da provincia de A Coruña, 14 na de Lugo, 16 na de Ourense e 14 na provincia de Pontevedra.

Ademais, na elaboración desta orde participaron tamén o Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) e a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.


CENTROS HISTÓRICOS INCLUÍDOS NO NOVO BENEFICIO FISCAL DA XUNTA

PROVINCIA DE A CORUÑA:

Centro histórico
Concello
Betanzos
Betanzos
Corcubión
Corcubión
A Coruña
A Coruña
Núcleo de San Vicente de Elviña
A Coruña
Barrio da Graña
Ferrol
Barrio da Magdalena
Ferrol
Barrio de Esteiro Vello
Ferrol
Ferrol Vello
Ferrol
Núcleos de Mugardos e O Seixo
Mugardos
Muros
Muros
Conxunto histórico de Neda
Neda
Noia
Noia
Casco urbano histórico de Padrón
Padrón
Pontedeume (Comarca Eumesa e Torreón dos Andrade)
Pontedeume
Rianxo, Rianxiño e A Fincheira
Rianxo
Santiago de Compostela
Santiago de Compostela
 
 

PROVINCIA DE LUGO:

 
Centro histórico
Concello
Castro de Rei
Castro de Rei
Casco antigo de Chantada
Chantada
Casco antigo de Lourenzá e áreas de respecto
Lourenzá
Lugo
Lugo

Casco antigo de Meira - Mosteiro de Santa María de Meira

Meira
Mondoñedo
Mondoñedo
Monforte de Lemos
Monforte de Lemos
O Cebreiro - Pallozas do Cebreiro
Pedrafita do Cebreiro
Núcleo urbano de Quiroga
Quiroga
Núcleo de Rinlo
Ribadeo
Ribadeo
Ribadeo
Casco antigo de Sarria
Sarria
Casco antigo e zona ampliada de Vilalba
Vilalba
Praza de Santa María do Campo de Viveiro
Viveiro
 
Departamento: C. de Facenda
Data de actualización: 06/12/2017