O titular da Xunta participou no acto de descubrimento da placa de homenaxe a Miguel Ángel Blanco e demais vítimas do terrorismo, organizado polo Concello de Santiago
Feijóo expresa o orgullo de vivir nunha Galicia que recorda, acompaña e ten sempre presente as vítimas do terrorismo

Sostén que na placa de homenaxe a Miguel Ángel Blanco e demais vítimas do terrorismo están representados quen fixeron máis grande a democracia do país enfrontándose ao terror

Expresa a necesidade de que a mesma unidade que se tivo durante décadas para loitar contra o terrorismo se teña sempre para loitar contra o esquecemento
 

Santiago de Compostela, 5 de decembro de 2017
  • whatsapp

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, trasladou hoxe o orgullo de vivir nunha Galicia que recorda, acompaña e ten sempre presente as vítimas do terrorismo; “de vivir nunha terra que non se resigna a vivir na indiferenza. E que rexeita pensar que o sufrimento de persoas como Mar Blanco é auga pasada”, aseverou.

Durante o acto de descubrimento da placa de homenaxe a Miguel Ángel Blanco e demais vítimas do terrorismo, organizado polo Concello de Santiago, Feijóo avogou por ler e reler a historia, “e animar os nosos fillos a que tamén o fagan”, para que nunca nos esqueza e para desbotar a amnesia colectiva sobre todas as formas de terrorismo que ameazaron, e que seguen ameazando, a convivencia en paz.

Nesta liña, asegurou que nesta placa están representados quen fixeron máis grande a democracia do país enfrontándose ao terror. “Esta placa, ao igual que a Medalla de Ouro de Galicia que recolleu Mar Blanco en nome do seu irmán, o pasado mes de xullo, salda unha pequena parte da débeda que temos con todos os que deron a súa vida por unha Galicia e unha España libre”, abundou.

Ao longo da súa intervención, Feijóo tivo tamén un recordo especial para as vítimas Manuel Vázquez Cacharrón, Pedro Cabezas González, Constantino Limia Nogueiras, María Mercedes Domínguez Rodríguez ou Ricardo Couso Río, “cinco pegadas do terrorismo que quedarán para sempre nas rúas de Compostela”.

O presidente do Goberno galego concluíu expresando a necesidade de que a mesma unidade que se tivo durante décadas para loitar contra o terrorismo se teña sempre para loitar contra o esquecemento.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 05/12/2017