A Xunta potencia o voluntariado ambiental cun novo proxecto europeo centrado en 17 espazos imán de Galicia

A iniciativa, denominada ‘Vida Permanente con Voluntarios’, posibilitará que 300 mozos e mozas galegos realicen intervencións de preservación, investigación e sensibilización en 17 espazos imán de Galicia: o Parque Nacional das Illas Atlánticas, a rede de parques naturais, a praia das Catedrais, espazos da Rede Natura 2000, as seis Reservas da Biosfera existentes na comunidade e O Courel.

As consellerías de Política Social, Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e Medio Rural están implicadas nesta iniciativa que conta cun orzamento de máis de 800.000 euros
 

Santiago, 5 de decembro de 2017
  • whatsapp

A Xunta de Galicia impulsa un novo proxecto europeo de voluntariado ambiental que se desenvolverá en espazos naturais protexidos da Comunidade. Trátase da iniciativa Vida Permanente con Voluntarios – Life Evergreen with Volunteer’ (LEWO), aprobado ao abeiro do programa LIFE 2016 da Comisión Europea, que hoxe presentaron no parque do Lago da Cidade da Cultura o conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela; a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato Otero; e a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez Mejuto.

O obxectivo de LEWO é potenciar o patrimonio natural de Galicia a través da creación dun grupo de xuventude voluntaria formado por 300 mozos e mozas galegos entre os 18 e os 30 anos de idade inscritos no Corpo Europeo de Solidariedade. Ata xuño de 2019 e en varios fluxos, estes voluntarios realizarán diferentes actividades de protección, sensibilización e mantemento de 17 espazos imán de Galicia: o Parque Nacional das Illas Atlánticas, os seis parques naturais da comunidade, o monumento natural da praia das Catedrais, espazos da Rede Natura 2000, as Reservas da Biosfera coas que conta a comunidade e O Courel. Prevese unha reserva dun 10% das prazas para xente nova con diversidade funcional.

En concreto, os participantes neste proxecto levarán a cabo actividade de limpeza, sinalización, catalogación de flora e fauna, loita contra especies exóticas prexudiciais para os hábitats, así como obradoiros didácticos e de sensibilización ou actividades de ocio educativo. Os voluntarios e voluntarias realizarán as súas accións durante 105 días, dos cales os sete primeiros serán de formación cunha xornada en Santiago e seis xornadas prácticas nos propios espazos de actuación. Os participantes contarán cunha axuda de 4 euros ao día e axuda para os gastos de desprazamento. Asemade, o proxecto tamén procura a concienciación en centros educativos e familias dos ámbitos territoriais en que se emprazan os espazos naturais obxecto da intervención.

A iniciativa conta cun orzamento de 800.162 euros, do que a Consellería de Política Social contribúe cun 33% (267.735 euros) e a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio cun 7% (53.750 euros). Ademais, a Consellería de Medio Rural participará no proxecto a través da formación dos mozos e mozas que se impliquen como voluntarios. Cómpre salientar que ao abeiro do programa LIFE 2016 da Comisión Europea soamente resultaron aprobados tres proxectos, dous en España e o outro en Italia. Ademais, no caso de Galicia dáse a circunstancia de que se trata de unha iniciativa impulsada desde a propia administración, e non desde entidades do sector que é o máis habitual.

Na súa intervención, o conselleiro de Política Social salientou que con este proxecto “estamos dando resposta ás inquedanzas da mocidade ao respecto do coidado do medio ambiente, ao mesmo tempo que contribuímos á preservación dos nosos contornos naturais máis importantes e tamén á sensibilizar á poboación en xeral sobre a importancia da preservación dos mesmos”.

Asemade, Rey Varela puxo en valor o feito de que esta iniciativa permitirá que Galicia continúe situada á vangarda en materia de voluntariado, segundo o informe do Observatorio da Plataforma do Voluntariado de España. De feito, Galicia é a Comunidade Autónoma máis participativa no conxunto do estado.

Pola súa banda, a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio destacou unha acción relevante dentro deste proxecto piloto, como a redución da pegada de carbono. Así, os voluntarios participantes sensibilizarán ás súas familias e ás empresas locais próximas sobre como reducir a pegada de carbono, é dicir, reducir as emisións de CO2 nocivas.

Beatriz Mato destacou o valor desta iniciativa cuxa filosofía se reduce en tres conceptos: accións, porque é un programa de activa aos mozos; protección, fomenta o coidado pola natureza da Comunidade; e difusión, porque aqueles que protexen a natureza teñen a misión de difundir os seus valores.

Por último, a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, destacou a importancia do programa LEWO para sensibilizar á poboación sobre a necesidade de respectar a natureza e a biodiversidade, procurando un uso e aproveitamento sostible dos seus recursos e nomeadamente dos forestais. Neste sentido, insistiu nos conceptos de concienciación, ordenación e prevención como claves para a posta en valor do monte.

A titular de Medio Rural lembrou ademais a relevancia do sector forestal en Galicia, que se pon de manifesto cos 2.000 millóns de euros anuais que xera, as 3.000 empresas e os aproximadamente 70.000 empregos directos e indirectos que representa na nosa comunidade.

Ámbitos de intervención

Os espazos naturais que serán obxecto deste innovador proxecto son o Parque Nacional das Illas Atlántica e os seis Parques Naturais de Galicia: as Fragas do Eume, o complexo dunar de Corrubedo e as lagoas de Vixán e Carregal, o monte Aloia, Baixa Limia-Serra do Xurés, O Invernadeiro e a serra de Enciña da Lastra.

Así mesmo, os voluntarios realizarán actuacións de preservación e coidado no monumento natural da praia das Catedrais; e en dous espazos da Rede Natura 2000: Carnota-Monte Pindo e Ribeira Sacra, e canóns do Sil.

Tamén hai contempladas intervencións nas seis Reservas da Biosfera de Galicia: Os Ancares Lucenses e Montes de Navia, Cervantes e Becerreá; río Eo, Oscos e Terras de Burón; área de Allariz; as Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo; Terras do Miño e a tranfronteiriza do Xurés-Gerês. E unha última zona obxecto desta iniciativa é O Courel.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 05/12/2017