Portos de Galicia destaca como obxectivo da náutica galega a fidelización de clientes europeos

O ente público encabeza a delegación dos xestores de portos deportivos no Salón Náutico de París

Santiago, 5 de decembro de 2017
  • whatsapp

Fidelizar os clientes xa captados e afianzar as relacións comerciais incipientes cos mercados europeos é o obxectivo prioritario da estratexia de promoción da náutica recreativa galega. Así o ratificou esta mañá o presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, durante a proxección do vídeo promocional da náutica galega no posto que do ente público e Turismo de Galicia no Salón Náutico de París que se celebra ao longo desta semana na capital francesa.

Durán Hermida insistiu na necesidade de focalizar a estratexia promocional de Portos de Galicia cara á fidelización dos clientes internacionais dos portos deportivos galegos logo de ter ampliado os nichos de mercado nos últimos anos. Neste sentido reseñou a importancia de que “Galicia se afiance como unha escala fixa nas rutas de navegación dos viaxeiros europeos cara ao sur”.

Con este obxectivo e co de profundizar nas relacións comerciais establecidas en anos anteriores, Portos de Galicia participa de novo este ano, conxuntamente con Turismo de Galicia, no salón náutico de París. O ente público encabeza a participación dos xestores de portos deportivos da nosa comunidade neste evento sectorial, un dos referentes da náutica en Europa.

Esta actividade promocional da náutica recreativa enmárcase no Plan Estratéxico da Náutica Recreativa 2012-2020 que Portos de Galicia está a desenvolver, así como no marco do proxecto europeo Capiten, no que o ente público participa con institucións, entidades e asociacións de 18 países de Europa para potenciar a actividade náutica.
 

Departamento: C. do Mar
Data de actualización: 05/12/2017