Cultura realiza labores de conservación no Castro dos Castelos, en Entrimo

O marco territorial do orixe medieval da Mesa dos Bispos (Beariz) tamén foi obxecto dunha actuación de mellora arqueolóxica

Santiago de Compostela, 6 de decembro de 2017
  • whatsapp

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria -a través da Dirección Xeral do Patrimonio Cultura- acomete dúas intervencións arqueolóxicas na provincia de Ourense, concretamente no Castro dos Castelos (Entrimo) e na Mesa dos Bispos (Beariz), que se enmarcan no programa de actuacións arqueolóxicas para 2017 destinado á documentación, conservación e protección dos xacementos arqueolóxicos máis significativos da comunidade autónoma.

No que atinxe ao Castro dos Castelos, no concello de Entrimo, a semana pasada comezaron os traballos de limpeza e roza deste asentamento castrexo, cuxos traballos supoñen un investimento de preto de 9.800 euros e contan cun prazo de execución de 15 días.

Os labores a desenvolver teñen por obxecto mellorar as condicións de conservación do xacemento impedindo que o biodeterioro afecte aos restos arqueolóxicos exhumados, así como facilitar a súa visita e contemplación, para acadar un aproveitamento sociocultural óptimo. Para isto lévase a cabo, baixo control arqueolóxico, a roza, a limpeza e o acondicionamento da totalidade superficie da área onde se sitúa o xacemento arqueolóxico (1,50 hectáreas aproximadamente). A actuación inclúe a retirada do lixo, a roza mecánica e manual da vexetación, e a retirada e o traslado dos residuos resultantes a centros de recollida e almacenamento autorizados. Finalmente, realizarase un levantamento topográfico do xacemento arqueolóxico e colocarase un novo cartel interpretativo no sitio.

Traballos rematados en Mesa dos Bispos

Por outra parte Patrimonio vén de rematar os traballos arqueolóxicos no marco de orixe medieval “Mesa dos tres bispos”, no Concello de Beariz, nos que se investiron preto de 3.400 euros. A intervención incluíu a limpeza da parcela onde se localiza o marco, a escavación arqueolóxica da contorna, unha sondaxe arqueolóxica co fin de localizar outros posibles restos que formarían parte do conxunto da Mesa dos Bispos, a limpeza do propio marco, unha diagnose do seu estado de conservación, o asentamento da base do marco mediante reenchido de area e grava ata acadar a cota actual e a colocación duns madeiros para delimitar o contorno. Finalmente colocouse un cartel explicativo.

Este marco, que está localizado na parroquia de Santa Cruz de Lebozán, no lugar de As Antas, á beira dun antigo camiño real, delimitaba as xurisdicións das dioceses de Ourense, Santiago e Lugo.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 06/12/2017