A conselleira de Infraestruturas e Vivenda destacou hoxe no Parlamento de Galicia que o Goberno galego seguirá traballando para acadar a transferencia da autoestrada co fin de velar máis directamente polo seu correcto funcionamento
Ethel Vázquez salienta que a Xunta continuará defendendo os intereses dos galegos na Comisión conxunta sobre a AP-9, que xa reportou resultados

Vázquez Mourelle fai fincapé en que o Goberno galego logrou que os galegos deixen de pagar o 50% das peaxes de Rande e A Barcala dun convenio que firmou o Goberno bipartito e que tería suposto 400 M€ ata o final da concesión

Subliña que a Xunta, ao non ser partidaria das peaxes, puxo en marcha en plena crise económica 210 novos quilómetros de vías de altas prestacións libres

Indica que a suba nas tarifas da AP-9 a partir de xaneiro é consecuencia do acordo entre o ministro de Fomento, José Blanco, e a concesionaria nos últimos momentos do Goberno Zapatero, plasmado nun real decreto publicado no BOE

Lembra que a Xunta se mantén vixilante ante a calidade dos servizos prestados na AP-9, polo que, por exemplo, ante os atascos producidos o 27 de outubro en Rande, esixiu a Fomento as medidas necesarias para evitar que volvan acontecer
 

Santiago de Compostela, 5 de decembro de 2017
  • whatsapp

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, interveu hoxe no Pleno do Parlamento de Galicia, onde salientou que a Xunta continuará defendendo os intereses dos galegos na Comisión conxunta sobre a AP-9, que xa reportou resultados.

Vázquez Mourelle destacou que o Goberno galego defende que a autoestrada sexa galega e continuará traballando para acadar esa transferencia, que redundará nunha mellor xestión da infraestrutura, xa que estar sobre o terreo permitiría velar máis directamente polo correcto funcionamento, actuar con maior axilidade ante posibles deficiencias, e facer unha reflexión global en canto á política de peaxes.

A titular de Infraestruturas avanzou que na próxima reunión da comisión, que xa está solicitada, plantexaranse posibles bonificacións para os vehículos pesados que poderían ser positivas desde o punto de vista da competitividade do sector, pero tamén da seguridade viaria.

Fixo fincapé en que o Goberno galego xa logrou que os galegos deixen de pagar o 50% das peaxes de Rande e A Barcala dun convenio que firmou o Goberno bipartito e que tería suposto 400 M€ ata o final da concesión.

Ethel Vázquez subliñou o traballo e os feitos da Xunta, que puxo en marcha en plena crise económica 210 novos quilómetros de vías de altas prestacións libres de peaxe. Precisou que o Goberno da Xunta foi o primeiro e o único que implantou bonificacións para abaratar os custos ás persoas que empregan a diario as autoestradas autonómicas, que están entre as máis baratas de España.


Vázquez Mourelle indicou que a suba nas tarifas da AP-9 a partir do mes de xaneiro é consecuencia directa do acordo pechado entre o ministro de Fomento, José Blanco, e a concesionaria da autoestrada nos últimos momentos do Goberno Zapatero, en novembro do ano 2011. Este acordo consiste en que as obras de ampliación da autoestrada, que se están levando a cabo tanto en Santiago como na área de Vigo, se financiarán con cargo ás peaxes. Isto está plasmado nun real decreto e publicado no BOE.

Calidade do servizo

A conselleira subliñou a preocupación da Xunta en relación á calidade do servizo na AP-9, manténdose atentos e vixilantes ante calquera incidencia que se poida producir, poñéndoa en coñecemento de Fomento e da concesionaria e esixindo as medidas necesarias.

O Goberno galego, o pasado día 27 de outubro ante a situación vivida na Ponte de Rande, contactou con Fomento para dar conta da situación que se tiña producido esa mesma mañá como consecuencia da execución das obras de ampliación da capacidade da autoestrada. Así, solicitou que se reunise a información pertinente para aclarar o incidente, así como a adopción de medidas para que non se volvan repetir situacións coma esta no tempo que resta para a finalización das obras.

O Ministerio de Fomento confirmou o 15 de novembro que as retencións do día 27 de outubro, en plena hora punta, se tiñan producido por unha incorrecta planificación dos medios e desvíos realizados por parte da concesionaria. Así, abriu dilixencias informativas a Audasa sobre os feitos e adoptou a decisión de reducir, nalgúns casos, as franxas horarias nas cales se autorizarán restricións polas obras. Tamén se lle esixiu a Audasa extremar o cumprimento dos horarios, incluso cancelando operacións en caso de que se puideran prever incumprimentos dos horarios das restricións autorizadas.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 05/12/2017