Educación concede 76 bolsas para que os desempregados cursen másteres oficiais no SUG

A Consellería destinou 200.000 euros a esta convocatoria

Desde a posta en marcha desta liña de axudas o departamento educativo da Xunta ten concedido un total de 345 bolsas ao seu abeiro
 

Santiago de Compostela, 6 de decembro de 2017
  • whatsapp

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de publicar a resolución (http://www.edu.xunta.gal/portal/node/23813) da convocatoria de axudas destinadas a titulados universitarios en situación de desemprego para cursar másteres oficiais no curso 2017/18, pola que se conceden un total de 76 bolsas. Do total dos beneficiarios, 24 cursan o máster na Universidade de Santiago de Compostela, 32 na de Vigo e 20 na da Coruña. En canto ao xénero dos bolseiros, 48 son mulleres e 28 homes.

A Consellería destinou un total de 200.000 euros a esta convocatoria. A contía da bolsa, que vai desde os 1.215 € aos 1.881,60 € por beneficiario, cubrirá o importe correspondente a 60 créditos de primeira matrícula do máster universitario segundo os prezos públicos fixados pola Xunta para este curso académico.

Para poder acceder a estas axudas os aspirantes debían estar en situación de desemprego, posuír un título universitario expedido con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2015; estar matriculado no curso 2017/18 nun máster oficial ofertado polas universidade so Sistema Universitario de Galicia, cun mínimo de 60 créditos; residir en Galicia polo menos nos últimos dous anos; e estar inscrito como demandante de emprego durante un período igual ou superior a 180 días; entre outros.

Esta liña de axudas responde, un ano máis, ao compromiso da Consellería de Cultura e Educación de continuar apoiando aos titulados universitarios en situación de desemprego co fin de mellorar as súas posibilidades de incorporación ao mercado de traballo. Desde a posta en marcha desta liña de axudas no curso 2013/14, o departamento educativo da Xunta de Galicia ten concedido un total de 345 bolsas ao seu abeiro.
 

Data de actualización: 06/12/2017