Patrimonio desenvolve traballos de limpeza, rexistro e restauración virtual en Alperiz (Lalín)

Expertos neste ámbito darán a coñecer, nunha xornada de divulgación, o resultado dos traballos realizados pola Consellería de Cultura no ‘Altar do Sol’ desde 2015

  • whatsapp

Santiago de Compostela, 6 de decembro de 2017.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, acaba de iniciar os traballos de limpeza e roza da vexetación, rexistro fotogramétrico e restauración virtual do túmulo 5 das mámoas da Cruz, en Alperiz (Lalín), coñecido como Altar do Sol.

En concreto, estas actuacións teñen como obxectivo seguir poñendo en valor este xacemento e permitir a correcta visualización e rexistro das pedras que compoñen o valo da finca situado ao seu carón. Posteriormente realizarase un rexistro 3D, escalado e xeorreferenciado, mediante fotogrametría dixital, do Altar do Sol e das pedras do valo anexo. Con estes datos construirase un modelo 3D texturizado do xacemento e das pedras do valo coa restauración dixital.

Con estes traballos, a Consellería dálle continuidade ás accións realizadas desde 2015 neste espazo. Neste sentido, o vindeiro domingo 17 de decembro organizarase unha charla co fin de divulgar o valor arqueolóxico do xacemento lalinense, no que o departamento dirixido por Román Rodríguez ten investido nos últimos anos máis de 30.000 euros en diferentes actuacións de escavación e posta en valor. O relatorio desenvolverase no Local Social de Alperiz ás 12:30 horas e será de entrada libre para todos os interesados ata completar aforo.

Actuacións de posta en valor desde 2015

Cómpre sinalar que os traballos máis recentes de recuperación deste xacemento comezaron no ano 2015 coa posta en valor da Mámoa da Cruz nº 5, mediante unha limpeza de vexetación e corta de árbores no espazo no que se atopa a cámara megalítica e o seu contorno inmediato; así como do escavado de parte da estrutura para avaliar o sistema construtivo da mesma. Unha vez rematada a intervención arqueolóxica realizouse mediante o uso dun dron, a fotogrametría completa da totalidade do xacemento e o seu contorno inmediato, modelo 3D, así como o rexistro fotográfico do estado final da escavación, que incluíu a realización dunha ortofoto xeorreferenciada.

No 2016 acometéronse diferentes traballos para a posta en valor da Mámoa da Cruz nº 1, consistentes na limpeza de vexetación, restitución da masa tumular naquelas zonas que foran intervidas en anteriores actuacións arqueolóxicas e na consolidación e adecuación das estruturas. Así mesmo, realizouse un levantamento planimétrico exhaustivo do túmulo e instalouse un panel de información sobre a necrópole megalítica da Cruz en xeral e a Mámoa da Cruz 1 en particular.

Os traballos arqueolóxicos realizados permitiron obter unha grande cantidade de información sobre o xacemento, a súa planta orixinal e características construtivas, así como sobre as súas diferentes fases de espoliación. Ademais, descubriuse que un ortostato que conformaba a cámara contiña restos de pintura. Ao abeiro destes achados, encargáronse os traballos de limpeza e documentación da arte megalítica desta Mámoa da Cruz nº 1. Entre os resultados desa intervención pode destacarse a evidencia de restos de gravado e de pintura branca (nunca documentados) na lousa C1; e o descubrimento de máis gravados dos coñecidos e nas lousas C2 e C3.

Así mesmo, no desenvolvemento dos traballos sobre a Mámoa nº 1 apareceu un vaso de cerámica completo e sen decoración cunha tipoloxía moi característica, de comezos da Idade do Bronce, hai aproximadamente uns 4.000 anos.
 

Data de actualización: 06/12/2017