A Xunta reforza a loita contra os desafiuzamentos coa ampliación do programa Reconduce

O conselleiro enmarcou esta medida no desenvolvemento da nova Axenda Social, principal aposta de colaboración con outras administracións e entidades sociais para facer fronte a situacións de vulnerabilidade

As novidades do Reconduce pasan pola posta en marcha de seis novos servizos territoriais e o reforzamento da oficina central de Santiago

Case 500 familias recibiron atención desde a implementación do programa fai catro anos
 

Santiago, 5 de decembro de 2017
  • whatsapp

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, compareceu esta tarde en sede parlamentaria para dar conta do programa Reconduce dirixido a persoas e familias en risco de desafiuzamento, coa finalidade de facer un balance dos case catro anos de funcionamento do mesmo así como explicar as melloras introducidas para ampliar o ámbito de actuación desta iniciativa que foron aprobadas polo Consello da Xunta en setembro do ano pasado. Rey Varela enmarcou o reforzamento do Reconduce no compromiso do Goberno galego de seguir avanzando no desenvolvemento e mellora das medidas recollidas na Axenda Social de Galicia, que cualificou como a principal aposta de colaboración con outras administracións e o tecido social para facer fronte a situacións de vulnerabilidade.

O conselleiro indicou que “o reforzamento do programa Reconduce supuxo un aumento da calidade na atención, creando ademais unha rede de oficinas de proximidade”. Así, entre outras novidades, consolidouse a oficina central de Santiago coa incorporación de catro novos profesionais e abríronse seis novas delegacións territoriais na Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo e Ferrol, atendida cada unha delas por dúas persoas. En total, esta medida supuxo a incorporación de 16 novos profesionais ao programa procedentes dos campos do dereito e o traballo social, fundamentalmente. O investimento para a súa materialización ronda os 600.000 euros.

Ademais, outra das melloras do programa ás que se referiu o titular de Política Social foi a ampliación do obxecto de intervención do mesmo. De feito, o Reconduce tamén atende ás persoas e familias en risco de desafiuzamento por falta de pagamento da renda do aluguer habitual. Ata o momento o programa atendía unicamente aqueles casos de risco de desafiuzamento por execución hipotecaria.

No que atinxe ao balance desta iniciativa, en funcionamento desde o ano 2013, os principais datos sinalan que este servizo atendeu a preto de 500 familias e superou os 200 expedientes de intermediación bancaria tramitados, dos cales a maioría concluíron cun acordo de reestruturación de débedas favorable para as persoas e familias en situación de vulnerabilidade.

Rey Varela salientou a atención integral e completa que a Xunta presta a través do Reconduce, pois inclúe servizos de asesoramento xurídico, atención psicolóxica, orientación laboral e apoio na busca dunha vivenda alternativa. Tamén fixo fincapé na participación de varios departamentos autonómicos neste programa, como son os de Política Social, Emprego ou Vivenda.

Por último, o conselleiro reiterou o compromiso do Goberno galego co dereito de toda persoa a dispor dunha vivenda. Así, paralelamente ao Reconduce, a Xunta ten en macha distintas iniciativas como o programa Realoxo, o bono de alugueiro social, o programa Aluga ou o programa de vivendas baleiras, entre outros. Asemade, a Administración autonómica ten asinados convenios de colaboración con entidades financeiras para que estas non desaloxen vivendas sometidas a execución hipotecaria permitindo aos afectados continuar nas mesmas en réxime de aluguer social, así como para a cesión de vivendas baleiras da súa propiedade para aluguer social.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 05/12/2017