A Xunta defende a titularidade pública dos peiraos da Coruña e da Solana para servir aos coruñeses e garantir a sustentabilidade do porto

Recordou o compromiso claro acadado pola Xunta e Portos do Estado no que se plasma que o futuro dos terreos do porto interior servirá para facer da Coruña unha cidade máis habitable e garantir a sustentabilidade do porto

Lembrou que a solución se acordou pensando no crecemento da cidade desde o porto e sempre tendo en conta que a cidade teña un patrimonio público no porto interior e que resultase beneficioso para o porto exterior
 

Santiago, 5 de decembro de 2017
  • whatsapp

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, defendeu esta tarde no Parlamento a titularidade pública dos peiraos Calvo Sotelo e Batería e dos terreos que ocupa actualmente A Solana, coa finalidade de que manteñan o seu estado actual para servir aos coruñeses e para garantir a sustentabilidade da Autoridade Portuaria da Coruña. Así o sinalou, en resposta a unha pregunta sobre a transformación portuaria e urbanística da cidade da Coruña.

Nesta liña, Rosa Quintana recordou o compromiso claro acadado polo Presidente da Xunta e polo de Portos do Estado no que se plasma que o futuro dos terreos do porto interior servirá para facer máis cidade, para facer da Coruña unha cidade máis habitable e para garantir a sustentabilidade do porto.

Así, avanzou que nas vindeiras semanas se concretará o contido do acordo “que poña por diante aos veciños da Coruña e que promova máis aproveitamento e actividade económica a través de Punta Langosteira e xerando máis aproveitamento social duns espazos importantes do porto interior no centro da Coruña”, dixo.

En relación á creación dun consorcio ou outra figura administrativa para xestionar os peiraos coruñeses, a conselleira trasladou que independente da fórmula de xestión, “a Xunta xa ten amosada a súa disposición a estar”, recordou.

Finalmente, a conselleira insistiu en que a solución se acordou partindo sempre desde a óptica de buscar o crecemento da cidade desde o porto sempre tendo en conta que a cidade teña un patrimonio público no porto interior e que iso non levase a unha situación de dificultade económica e financeira para o porto exterior.

 


 

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Mar
Data de actualización: 05/12/2017