A Xunta propicia o intercambio de experiencias entre xuventude emprendedora a través do encontro Emotraxe

Estará aberto a mozas e mozos, membros de asociacións xuvenís e entidades prestadoras de servizos á xuventude, persoas participantes en actividades de voluntariado, membros de grupos informais, técnicos de xuventude, informadores xuvenís, educadores, mediadores xuvenís e a calquera persoa interesada na materia

O prazo para inscribirse remata este domingo día 10

Trátase dunha actividade enmarcada no proxecto Catalizador de oportunidades de emprego e emprendemento xove transfronteirizo (LIDERA), cun orzamento de 1,4 millóns de euros e unha duración de catro anos
 

Santiago, 6 de decembro de 2017
  • whatsapp

A Xunta de Galicia mantén aberto o prazo ata o vindeiro 10 de decembro para inscribirse no Encontro de xuventude transfronteiriza emprendedora, proxecto Lidera Emotraxe, un espazo de aprendizaxe para que a xuventude poida compartir experiencias e emocións á vez que amosan publicamente as súas vivencias de participación, compromiso social e de emprendemento.

O encontro, que se celebrará en Ferrol o sábado 16 de 10,00 a 18,00 horas, estará aberto a mozas e mozos emprendedores, membros de asociacións xuvenís e entidades prestadoras de servizos á xuventude, persoas participantes en actividades de voluntariado, mozas e mozos membros de grupos informais, técnicos de xuventude, informadores xuvenís, educadores, mediadores xuvenís e todas as mozas e mozos con espírito de iniciativa e persoas interesadas na materia.

A titular do departamento autonómico destacou durante a presentación do encontro que o 16 de decembro será o día grande da mocidade e desde a Xunta de Galicia búscase ceder a palabra á xuventude e darlles a oportunidade de amosar todo o seu potencial. Ferrol será, a través de Emotraxe, o altofalante dos mozos e mozas.

Emotraxe facilitará a cada entidade xuvenil que o desexe un espazo para a exposición de ideas, actividades e proxectos, con zona de stands dos diferentes colectivos participantes. Así mesmo, a organización farase cargo dos traslados necesarios das persoas que se inscriban, poñendo á súa disposición distintas liñas de transporte, sempre que haxa unha cota mínima de participantes para cada liña. As inscricións poderán realizarse en liña ata o día 10 de decembro.

Trátase dunha actividade enmarcada no proxecto Catalizador de oportunidades de emprego e emprendemento xove transfronteirizo (LIDERA), aprobado ao abeiro do programa Interreg V a España Portugal 2014-2020 (POCTEP), cun orzamento de 1,4 millóns de euros e unha duración de catro anos. O obxectivo é promover o desenvolvemento económico transfronteirizo a través das capacidades laborais e de emprendemento dos mozos e mozas do territorio.

Este encontro forma parte da actividade “Emprende” dirixida a aquelas iniciativas, ideas, entidades que desexen iniciar unha nova liña de negocio, que conten cun grao de madurez suficiente co obxectivo de apoialas, afianzalas e acompañalas durante a súa posta en marcha. Neste encontro os mozos e mozas poderán coñecer e intercambiar experiencias con outras persoas mozas, tanto do propio territorio do proxecto como doutros territorios transfronteirizos.

Ademais da Xunta de Galicia, son socios do proxecto a Fundación Galicia Europa, a Cámara Oficial de Comercio, Industria, Servicios e Navegación de Santiago de Compostela, a Asociación Comercial de Emprendedores de Galicia (Ascega), o Instituto Português do Desporto e da Juventude (IPDJ), a Federación Nacional de Asociaciones Juveniles Portuguesas (FNAJ) e a Comunidade Intermunicipal do Ave.
 

Data de actualización: 06/12/2017