Mar investiu preto de 700.000 euros en actuacións de mellora viaria e reforzo de pavimentos nos peiraos autonómicos este ano

O presidente de Portos de Galicia visitou os traballos en execución na Guarda que contan cunha achega de 55.000 euros

A Guarda (Pontevedra), 7 de decembro de 2017
  • whatsapp

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, vén de investir no exercicio actual preto de 700.000 euros en actuacións de mellora viaria, reforzo de pavimentos e seguridade para o tránsito rodado. Así o comunicou esta mañá o presidente de Portos de Galicia nunha visita ao peirao da Guarda no que se atopa en execución a obra de mellora do pavimento da vía portuaria, cun orzamento de 55.000 euros.

Durán Hermida explicou que a seguridade na circulación nos portos e especialmente nas zonas de traballo é unha prioridade para Portos, motivo polo que o ente público centrou esforzos nestas actuacións.

Así, na Zona Norte, na costa cantábrica, investíronse en total 280.000 euros, en actuacións nos peiraos de Espasante (Ortigueira), O Vicedo, Celeiro (Viveiro), San Cibrao (Xove), Burela, Foz e Ribadeo. En canto á Zona Centro, a costa da Coruña, investíronse 200.000 en obras executadas en Sada, Fisterra, Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Cabo de Cruz (Boiro), Muros, O Freixo (Serra de Outes) e Portosín (Porto do Son). Finalmente, na Zona Sur, provincia de Pontevedra, Portos investiu 200.000 euros tamén en traballos destas características nos portos do Xufre (A Illa de Arousa), Vilaxoán (Vilagarcía), Tragove (Cambados), Moaña, San Adrián de Cobres (Vilaboa), Domaio (Moaña), O Grove e Meloxo (O Grove). Ás obras de mellora de pavimentos na provincia de Pontevedra sumarase tamén proximamente unha actuación en Cambados e a que está en execución no porto da Guarda.

O presidente de Portos visitou os traballos do peirao guardés que se atopan xa a piques de finalizar e afectan a tres superficies portuarias: a vía principal que dá acceso a todas as infraestruturas do porto, un tramo de rúa veciñal dentro da zona de servizo do porto detrás do paseo marítimo e á área ocupada polo heliporto para emerxencias diúrnas. En total mellorarase unha superficie de 7.000 metros cadrados nos que ademais da reparación do firme, repararase a sinalización horizontal para reforzo da seguridade viaria.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Mar
Data de actualización: 07/12/2017