A Xunta impulsa a internacionalización das pemes galegas a través dunha nova convocatoria do Galicia Exporta, dotado con máis de 6 millóns de euros

Afirma que a primeira liña deste programa, Galicia Exporta Empresas, destinará 5 millóns de euros a subvencionar ata o 70% do investimento en actividades relacionadas coa internacionalización

Sinala que Galicia Exporta Organismos Intermedios estará dotado con 1,5 millóns de euros para cubrir ata o 80% do investimento de asociacións empresariais, consellos reguladores, clústers e centros tecnolóxicos en accións que fomenten as exportacións

Avanza que non será o único programa destinado a estimular as exportacións, xa que se complementará cun novo programa para facilitar que autónomos, microempresas e pequenas empresas vendan por Internet
 

Santiago de Compostela, 7 de decembro de 2017
  • whatsapp

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe na rolda de prensa do Consello o impulso á internacionalización das pemes galegas a través dunha nova convocatoria do Galicia Exporta, dotado con 6,5 millóns de euros para facilitar apoio directo a máis de 300 empresas que queren crecer nos mercados internacionais.

Ao longo da súa intervención, Feijóo subliñou que en 2018, a primeira liña deste programa, Galicia Exporta Empresas, destinará 5 millón de euros -un 25% máis do executado na anterior convocatoria- a subvencionar ata o 70% do investimento en actividades relacionadas coa internacionalización: prospeccións de mercados, participacións en feiras e accións para captar clientes estranxeiros en Galicia.

Por outra banda, o Galicia Exporta Organismos Intermedios estará dotado con 1,5 millóns de euros para cubrir ata o 80% do investimento de asociacións empresariais, consellos reguladores, clústers e centros tecnolóxicos en accións que fomenten as exportacións.

Cunha axuda máxima de 150.000 euros, as accións subvencionables serán: campañas publicitarias e material promocional; estudos de mercado; tramitacións de certificados, rexistros ou patentes e misións empresariais directas ou inversas, entre outras.

O presidente da Xunta concluíu subliñando que Galicia Exporta non será o único programa destinado a seguir estimulando as exportacións, xa que se complementará cun novo programa para facilitar que autónomos, microempresas e pequenas empresas vendan por Internet.

Así mesmo, lembrou que na última convocatoria, ao abeiro de Galicia Exporta concedéronse 5,35 millóns de euros para facilitar apoio a 318 empresas. En concreto, apoiouse a 175 proxectos de empresas, con especial incidencia nos sectores agroalimentario, téxtil, de servizos e maquinaria; e a 33 organismos intermedios, en cuxas accións colectivas participaron 143 empresas.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 07/12/2017