O Goberno galego pon en marcha a primeira fase do proxecto da Estación Intermodal de Ourense, o que permitirá iniciar as obras en 2018

Esta primeira fase permitirá executar a terminal de autobuses e o aparcadoiro subterráneo

A segunda fase prevé a adaptación da estación de ferrocarril e actuacións de permeabilidade transversal e integración urbana

Por outra banda, a Xunta inicia a prolongación da autovía AG-59 entre A Ramallosa e Pontevea
 

Santiago de Compostela, 7 de decembro de 2017
  • whatsapp

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe, na rolda de prensa do Consello, a aprobación da primeira fase do proxecto da Estación Intermodal de Ourense, o que permitirá iniciar as obras en 2018.

Máis polo miúdo, Feijóo explicou que esta primeira fase permitirá executar a terminal de autobuses, cun investimento de 4,8 millóns de euros que achegará a Xunta na súa totalidade; e executar o aparcadoiro subterráneo, cun orzamento de 5,5 millóns, dos que a Administración autonómica achegará o 70%.

Sobre este punto, o responsable do Executivo galego precisou que Adif licitará as obras do aparcadoiro nos primeiros meses do próximo exercicio co fin de comezalas en 2018. Esta infraestrutura disporá de dúas plantas con 300 prazas que darán servizo ás terminais de ferrocarril e autobuses e posibilitarán a reordenación da praza da estación.

Cómpre subliñar que, logo desta primeira fase, seguiralle unha segunda que prevé a adaptación da estación de ferrocarril, así como actuacións de permeabilidade transversal e integración urbana para acadar unha adecuada comunicación entre os barrios a ambos lados das vías.

En definitiva, o Goberno galego avanza na intermodal de Ourense para lograr que, como noutras cidades de Galicia, se executen de forma paralela á fase final do AVE a Galicia.

Prolongación da autovía AG-59

Por outra banda, O presidente da Xunta destacou a aprobación do decreto de utilidade pública, paso previo á expropiación, das 562 parcelas necesarias para construír un novo tramo da autovía AG-59 entre a Ramallosa (Teo) e Pontevea, no límite entre os concellos de Teo e A Estrada.

Feijóo subliñou que este novo tramo de 3 quilómetros permitirá seguir alixeirando o tráfico da estrada AC-841, que discorre paralela á autovía entre Santiago e Pontevea, atravesando os núcleos de Chao do Río, Ferreiriño e a propia Pontevea.

Cun orzamento de 2 millóns de euros para as expropiacións e para avanzar no proxecto de cara a contratar as obras, o titular do Goberno galego precisou que en total, o treito A Ramallosa-Pontevea disporá dun investimento de aproximadamente 24 millóns de euros. Con esta medida, o Goberno galego reactiva a construción dos treitos que faltan da autovía Santiago - A Estrada.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 07/12/2017