A Xunta abre á participación pública o documento inicial do Plan reitor de usos e xestión das Fragas do Eume

Durante 20 días, todas as persoas interesadas poderán remitir á Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio as súas achegas ao documento

A principios do vindeiro ano a Consellería de Medio Ambiente contactará cos sectores implicados co fin de consensuar a redacción do PRUX do parque natural

O obxectivo da Xunta é dotar a este espazo dunha folla de ruta que guíe as actuacións de conservación e xestión a desenvolver nos próximos anos
 

Santiago (A Coruña), 7 de decembro de 2017
  • whatsapp

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio somete a participación pública o documento inicial do Plan Reitor de Usos e Xestión (PRUX) das Fragas do Eume, que servirá como punto de partida para a elaboración do plan definitivo.

O documento de inicio xa está dispoñible dende hoxe na páxina web da Consellería, aínda que non se poderán facer achegas ata que se publique no Diario Oficial de Galicia a vindeira semana.

Durante un período de 20 días hábiles, contados a partir do día seguinte da súa publicación oficial, aquelas persoas interesadas que se consideren directamente afectadas poderán remitir as súas observacións e opinións sobre o documento cun escrito dirixido á Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, ou ben a través do enderezo electrónico parques.naturais@xunta.gal

Durante todo o proceso de participación pública, o documento de inicio do PRUX de Fragas do Eume poderá ser examinado fisicamente na Dirección Xeral de Patrimonio Natural (situada en San Lázaro, s/n, Santiago de Compostela) ou na Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio (rúa Vicente Ferrer, 2, A Coruña). Así mesmo, tamén estará dispoñible na páxina web da Consellería.

A Xunta dá así cumprimento ao establecido na Lei 27/2006 de 18 de xullo pola que se regulan os dereitos de acceso á información, de participación pública e de acceso á xustiza en materia de medio ambiente.

Unha importante mostra dos bosques sublitorais galegos

As Fragas do Eume constitúen unha das mostras máis importantes dos bosques sublitorais galegos, que se estenden ao longo dos termos municipais de Cabanas, Pontedeume, A Capela, Monfero e As Pontes de García Rodríguez. Foi declarado parque natural o 30 de xullo de 1997 atendendo aos seus elevados valores ambientais, científicos e educativos, previa aprobación do correspondente Plan de Ordenación dos Recursos Naturais deste espazo.

A Xunta de Galicia prevé iniciar a tramitación do PRUX das Fragas do Eume a comezos do ano 2018 abrindo unha rolda de contactos cos diferentes sectores implicados, co fin de coñecer a súa opinión e consensuar con eles a súa redacción.


O obxectivo é acadar un documento que sirva para conservar o parque natural regulando os usos que se desenvolven dentro do mesmo, co fin último de que a xestión deste espazo permita compatibilizar a actividade tradicional coa preservación do medio. O futuro PRUX non imporá maiores limitacións das existentes neste espazo, senón que pretende ser a folla de ruta que guíe as actuacións precisas a desenvolver no parque nos próximos anos.

O goberno galego espera contar cunha ampla participación pública en todo o proceso para materializar a planificación que precisa o parque natural, moi especialmente nun espazo como o das Fragas do Eume, no que o 80% da superficie é de titularidade privada.
 

Data de actualización: 07/12/2017