Galicia consolídase entre as comunidades menos endebedadas logo de baixar a súa débeda 226 millóns no terceiro trimestre

A Xunta diminúe seis décimas a ratio de débeda/PIB de Galicia, ata o 18,6%
O endebedamento galego leva tres anos totalmente estabilizado
Galicia é a comunidade líder no control da débeda desde o ano 2009
 

  • whatsapp

Santiago de Compostela, 15 de decembro de 2017.- A Xunta de Galicia reduciu a súa débeda pública 226 millóns de euros no terceiro trimestre do ano e consolídase entre as comunidades autónomas con menor endebedamento de toda España, ao pechar o trimestre como a quinta comunidade con menor ratio de débeda/PIB, segundo os últimos datos estatísticos publicados hoxe polo Banco de España.

Ao peche do terceiro trimestre do ano, a ratio de débeda/PIB de Galicia baixou seis décimas respecto ao trimestre anterior ata situarse no 18,6%. Ademais, a media autonómica baixou menos no mesmo período -catro décimas- e situouse no 24,7%. Isto supón que o diferencial positivo de Galicia respecto á media autonómica segue medrando e xa é de máis de seis puntos, cando en 2008 este indicador estaba igualado á media.
 
En volume absoluto, a débeda pública das comunidades autónomas situouse ao peche do terceiro trimestre en 284.407 millóns de euros, o 3,91% deste importe -11.137 millóns- na comunidade galega.
 
Os datos oficiais do Banco de España ratifican que a débeda da Administración galega está totalmente estabilizada dende finais do exercicio 2014, e a previsión da Xunta é que Galicia remate o ano 2017 sen incrementar o seu endebedamento.
 

Líder en control da débeda dende 2009

Galicia é a comunidade autónoma de referencia no control da débeda pública dende o ano 2009, tal como mostran os datos do organismo supervisor. No período 2009-2016 Galicia foi a comunidade que menos aumentou o seu volume de débeda, cun ritmo de incremento anual do 17,6%, mentres que na media autonómica este indicador situouse no 28,5% e nalgunhas comunidades superou o 40% anual.

 O control da débeda pública é unha das bases do modelo de crecemento san que defende a Xunta de Galicia, e é froito da progresiva redución do déficit que vén acadando o Goberno galego nos últimos anos. Este mellor comportamento respecto da media autonómica permitiu a Galicia evitar a emisión duns 3.600 millóns de euros de débeda pública, cun aforro anual en xuros da débeda duns 85 millóns.
 

DÉBEDA POR CC.AA (3º trimestre 2017)
*CCAA de réxime foral

 
 

Ratio de débeda/PIB

 (%)
País Vasco*
14,6
Madrid
14,9
Canarias
16,6
A Rioxa
18,4
GALICIA
18,6
Asturias
18,8
Navarra*
19,0
Castela e León
20,4
Aragón
21,6
Andalucía
21,9
Cantabria
23,1
Estremadura
23,3
TOTAL CCAA
24,7
Murcia
29,2
Baleares
30,8
Cataluña
35,1
Castela-A Mancha
36,4
Valencia
40,9
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 15/12/2017