Cultura celebra o Día da Edición coa difusión do calendario do libro e da lectura 2018

A Consellería distribúe este material entre as librarías e as bibliotecas públicas para animar a realizar actividades arredor das principais datas e efemérides vinculadas co libro e coa literatura no próximo ano

Os días da Poesía, do Teatro, da Ilustración e da Biblioteca, o 50º aniversario da publicación d’A galiña azul ou os 70 anos do discurso de Castelao de “Alba de gloria” en Buenos Aires son algunhas das celebracións que se inclúen no cartel

O material tamén estará accesible en liña na web www.cultura.gal
 

Santiago de Compostela, 16 de decembro de 2017
  • whatsapp

Os 50 anos da publicación d’A galiña azul de Carlos Casares, o 70º aniversario do discurso “Alba de gloria” que Castelao pronunciou en Buenos Aires, o 90º aniversario do poemario De catro a catro, de Manuel Antonio, ou os 130 anos do nacemento de Otero Pedrayo son algunhas das celebracións que promove a Consellería de Cultura e Educación da Xunta de Galicia a través do Calendario do Libro e da Lectura 2018.

Na véspera do Día da Edición, que se celebra o 17 de decembro -coincidindo coa data do nacemento de Ánxel Casal-, a Secretaría Xeral de Cultura difunde en formato electrónico este material, que ten como obxectivo impulsar a realización de actividades arredor das principais datas e efemérides vinculadas co libro e coa lectura no próximo ano. Ademais, nos próximos días o cartel chegará tamén ás librarías galegas e aos centros da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia.

Os usuarios/as das bibliotecas, protagonistas en xaneiro

Os centros bibliotecarios, que celebran o Día do Usuario/a das Bibliotecas o 11 de xaneiro, comparten protagonismo no primeiro mes do ano coas artes plásticas, coa conmemoración do Día da Ilustración o 30 de xaneiro, data do nacemento de Afonso Daniel Rodríguez Castelao. Co mes de febreiro chegan a celebración do Día da Lingua Materna e do nacemento de Rosalía de Castro, o 21 e o 24 de febreiro, respectivamente.

O mes de marzo comeza coa efeméride do 130º aniversario do nacemento de Ramón Otero Pedrayo o día 5, o mesmo no que se inicia a celebración da Semana da Prensa. No mes de marzal tamén se celebran os días da Narración Oral, o 20; da Poesía, o 21, e do Teatro, o 27. Nesta última data tamén se cumpren os 90 anos da publicación dun dos poemarios máis senlleiros da literatura galega, De catro a catro, de Manuel Antonio. As conmemoracións deste mes complétanse, o día 28, co décimo aniversario da Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal.

A apertura do mes de abril chega coa celebración do Día das Artes (1), que en 2018 se lle dedica a Alejandro de la Sota, mentres que o 2 e o 23 se conmemoran o Día do Libro Infantil e Xuvenil e o Día do Libro, respectivamente. O mes das Letras homenaxea, nesta ocasión, a María Victoria Moreno, a quen a Real Academia Galega lle dedica o 17 de maio. E o 9 de xuño lémbrase a importancia dos arquivos coa celebración do seu día.

70 anos do discurso “Alba de gloria”

Xa no verán, o 25 de xullo, Día de Galicia, cúmprense 70 anos desde que Castelao pronunciara en Buenos Aires o discurso “Alba de gloria”. Ao día seguinte, o 26, celébrase o Día da Comprensión Lectora. Co Día Europeo das Linguas e co Día da Tradución, o 26 e o 30 de setembro, e co Día das Bibliotecas, o 24 de outubro, chegamos a novembro, o Mes da Ciencia en Galego, cando se celebra tamén o Día das Librarías.

O Calendario do Libro e da Lectura pecha 2018 co Día da Edición, o 17 de decembro, e cunha celebración destacada arredor do autor homenaxeado en 2017 coas Letras Galegas, Carlos Casares: os 50 anos da publicación da súa obra A galiña azul, o día 23 de Nadal.

Con esta iniciativa, a Consellería de Cultura e Educación ten como obxectivo facilitar a planificación anual das actividades culturais e animar o conxunto da cidadanía a participar na celebración das principais efemérides e datas sinaladas arredor do libro e da lectura para a súa difusión e posta en valor.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 16/12/2017