A Xunta aposta por enfocar os servizos de orientación laboral cara o novo modelo produtivo de Galicia

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, participou hoxe en Santiago na clausura dun curso de posgrao de especialización en orientación laboral

Marnotes pon en valor a capacidade destes novos profesionais para xerar empregos de calidade e reter o talento

Destaca a importancia de mellorar o Servizo Público de Emprego de Galicia abrindo novas vías de relación a través das TIC, reducindo a burocracia e potenciando a atención personalizada a empresas

Galicia conta cunha rede de orientadores laborais que aglutina a máis de 500 traballadores especializados en accións para incrementar a empregabilidade das persoas sen emprego
 

Santiago de Compostela, 19 de decembro do 2017
  • whatsapp

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, participou hoxe en Santiago na clausura dun curso de posgrao de especialización en orientación laboral no que participaron 68 alumnos con estudos universitarios, maioritariamente mulleres e con idades comprendidas entre os 35 e 45 anos.

Marnotes puxo en valor a capacidade destes novos profesionais para xerar emprego de calidade e reter talento. A maioría deles, que xa están traballando, realizaron un curso de 650 horas de duración combinando formación presencial, eminentemente práctica, con teleformación.

O director xeral destacou o labor que realizan os orientadores laborais facilitándolles ás persoas desempregadas información actualizada sobre o mercado de traballo, sobre accións de formación profesional para o emprego e o proceso de recoñecemento da experiencia laboral coas que poden mellorar a súa cualificación. Así mesmo, elaboran diagnoses individualizadas sobre o perfil e necesidades dos desempregados, que obteñen un itinerario personalizado de emprego para a súa posterior inserción laboral.

Galicia conta cunha rede de orientadores que aglutina a máis de 500 traballadores especializados en accións para incrementar as oportunidades laborais dos galegos, traballando a maior parte deles no Servizo Público de Emprego, do que Marnotes apostou por melloralo abrindo novas vías de relación a través das TIC, reducindo a burocracia e potenciando a atención personalizada a empresas.

Os orientadores, ademais, traballan nos concellos galegos e entidades sen ánimo de lucro. O servizo que prestan tamén está enfocado ás empresas, xa que os empregados desta rede especializada na orientación contactan coas firmas para difundir as súas iniciativas e realizar unha prospección das súas necesidades, ao tempo que lles informan sobre os diferentes incentivos cos que conta a Administración autonómica para a contratación.

A Xunta, ademais, a través da Axenda 20, traballa cara un novo modelo de orientación aberta, achegando, segundo explicou Marnotes, o servizo aos usuarios e combinando accións presenciais e online; ademais de potenciar a atención a empresas tanto desde as oficinas de emprego como nas de apoio á empresa, orientándoas a servizos, pemes e emprendedoras.

Así mesmo, a Xunta quere afondar na formación continua do persoal técnico propio do Servizo Público de Emprego de Galicia, así como o dos centros colaboradores e demais persoal de apoio ao emprego e o emprendemento, desenvolvendo un currículo específico e especializado en relación aos servizos que se prestan.

O Goberno galego está a investir este ano 10,5 millóns de euros en reforzar o servizo galego de orientación laboral.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 19/12/2017